LIBRA DE OFICIO
Libra de Oficio é o noso ciclo de seminarios-conferencias de transferencia do coñecemento, no que convidamos a persoas pertencentes a distintas entidades de interese (empresas, administracións, asociacións…) a compartir con nos a súa experiencia e achegarnos as particularidades do seu sector e o seu traballo.
O nome deste ciclo de eventos provén do refrán popular galego ‘Máis vale libra de oficio ca arroba de terra‘, que ten o mesmo significado que ‘o saber vale máis co ter’, e que quere poñer de manifesto a importancia da investigación e o coñecemento para o desempeño de calquera actividade e, por tanto, a importancia de que os centros de investigación traballemos man a man co resto dos actores sociais e coa cidadanía, establecendo colaboracións e manténdonos sempre en contacto directo coa sociedade.
Estas actividades teñen unha duración aproximada de unha hora, e pódese asistir tanto de maneira presencial coma virtual, xa que na maioría das ocasións son retransmitidos en streaming. O público presencial ten ocasión de recibir agasallos sostibles de ECOBAS, participar en sorteos de produtos relacionados coas persoas convidadas, ou participar en distintas actividades adicionais, segundo o evento.





