20/07/2023

Novas claves para a toma de decisións en pemes que queiran abordar un proceso de internacionalización a unha idade temperá

“On causality between successful internationalization and profitability: The case for the moderating effect of earliness”, dos co-autores Telma Mendes, Miguel González-Loureiro e Carina Silva, premio á mellor comunicación no congreso internacional da asociación científica ACEDE-2023, celebrado en Alicante

 

 

Foto: o equipo investigador formado por Miguel González-Loureiro, Telma Mendes, e Carina Silva

Entender a relación de causa-efecto entre a intensidade dos procesos de internacionalización e a rendibilidade das vendas é determinante para a toma de decisións estratéxicas en calquera empresa e, se cabe, aínda máis importante no caso de novas empresas que comezan cedo a súa actividade exportadora. Pero como opera este factor nas pemes que comezan de forma temperá a súa actividade exportadora? Así o amosa a investigación realizada por Telma Mendes, Miguel González-Loureiro e Carina Silva, expertos de ECOBAS que veñen de recibir o premio á mellor comunicación de entre as 215 presentadas no congreso internacional ACEDE 2023, celebrado en Alicante o pasado xuño.

Coa información que ofrece o estudio, titulado “On causality between successful internationalization and profitability: The case for the moderating effect of earliness”, os directivos empresariais “poderán optimizar a rendabilidade e a intensidade de vendas nos seus primeiros cinco anos de internacionalización”, segundo afirma Miguel González Loureiro, Catedrático de Estratexia e Dirección Internacional de Empresas na Universidade de Vigo.

Habitualmente a tendencia é a de pensar que a internacionalización causa a rendibilidade, pero esa causalidade pode diferir de maneira significativa en función do momento en que se inicia a entrada no mercado internacional. A investigación premiada por ACEDE presenta evidencias que debuxan un claro cambio de escenario dependendo de se a saída ao exterior se realiza durante o primeiro, durante o segundo ou ben durante o terceiro ou cuarto ano de vida da nova empresa. É por isto que “os directivos poderán apoiarse neste estudio para centrar os seus esforzos de xestión na variable identificada como causa para cada tipo de empresa”, asegura González Loureiro.

Relación entre a rendibilidade e a intensidade de vendas

As conclusións son contundentes. Analizadas máis de 1.200 empresas de nova creación que saíron por primeira vez ao mercado internacional nalgún momento deses primeiros 4 anos de idade, “avaliamos as relacións causa-efecto durante os cinco anos posteriores a esa saída ao mercado exterior”, explica Telma Mendes, coautora do traballo, estudante de último ano do Doutoramento en Análise Económica e Estratexia Empresa na UVigo e profesora asistente na Escola Superior de Tecnologia e Gestao de Porto. “Descubrimos que nas empresas que son internacionais no seu primeiro ano, unha rendibilidade superior á media da súa industria nun periodo provocará unha intensidade de vendas inferior á media da industria no periodo seguinte”.

Pola contra, este fenómeno ten lugar á inversa cando as empresas inician a súa internacionalización no seu terceiro ou cuarto ano de vida: unha intensidade de vendas internacionais superior á media da súa industria nun periodo, provocará unha rendibilidade de vendas inferior á media da súa industria no seguinte periodo.

Sorprendentemente, para as empresas que emprenden a súa internacionalización no seu segundo ano de vida, non se demostra unha relación causa-efecto entre a intensidade das vendas e a rendibilidade.

O equipo de investigadores analizou 523 empresas que decidiron internacionalizarse no seu primeiro ano de vida, 385 empresas que se fixeron internacionais no seu segundo ano e finalmente 350 empresas que emprenderon o proceso de saída ao exterior no seu terceiro ou cuarto ano de operacións.

As variables empregadas foron a intensidade de vendas internacionais sobre o total de vendas e a rendibilidade das vendas construíndo unha ratio comparada con respecto á media da súa industria.