ECOBAS impulsa a firma da Cátedra Ardán entre a Universidade de Vigo e o Consorcio da Zona Franca
O acordo foi asinado polo Reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e a delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, nun acto celebrado o pasado venres 9 de marzo.
O Reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e a delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV), Teresa Pedrosa, asinaron o pasado venres 9 de marzo un acordo para poñer en marcha a Cátedra Ardán, nun acto celebrado na Reitoría do Campus Universitario.
Este acordo, que terá unha vixencia de catro anos, prorrogable por outros catro, contará cun orzamento de 120.000€ anuais, que se destinarán a levar a cabo iniciativas que contribúan á transferencia de coñecemento e ó estudo da evolución económica dos factores que determinan a competitividade empresarial en Galicia, co obxectivo de contribuír á creación de riqueza na nosa comunidade.
Os traballos realizados no marco desta Cátedra estarán coordinados por grupos de ECOBAS, algúns dos cales xa veñen colaborando co CZFV dende fai tempo, como é o caso do grupo GEN e do grupo REDE.