22/04/2026
ECOBAS liderará a cooperación ciencia-empresa para impulsar a bioeconomía na eurorrexión
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2026
Como Centro de Investigación referente da economía e a empresa, ECOBAS é a cabeza tractora de BioTransfer_GNP, proxecto financiado con fondos europeos para acadar a especialización intelixente e a sostibilidade do ecosistema biocircular na eurorrexión.
Avanzando no posicionamento no mapa internacional, ECOBAS lidera un consorcio integrado por nove entidades de Galicia e o Norte de Portugal para executar ata finais de 2027 un orzamento que supera o millón de euros.
No seu papel como promotor e líder do BioTransfer_GNP, ECOBAS activou na mañá de hoxe a conexión ciencia-empresa nun encontro cos principais axentes clave para o impulso da bioeconomía na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. No transcurso da sesión, os participantes no encontro celebrado no Biopolo Sionlla intercambiaron información estratéxica para o desenvolvemento e o futuro do sector.
Froito da estratexia de cooperación despregada por ECOBAS, as tres universidades públicas galegas forman parte do consorcio que levará adiante este proxecto, que conta co financiamento da Unión Europea a través do programa POCTEP de cooperación transfronteiriza, cun orzamento total de 1.053.908 € que será executado ata finais do vindeiro ano 2027.



