ECOBAS lidera o proxecto de cooperación ciencia-empresa para impulsar a bioeconomía na eurorrexión
Como Centro de Investigación referente da economía e a empresa, ECOBAS é a cabeza tractora de BioTransfer_GNP, proxecto financiado con fondos europeos para acadar a especialización intelixente e a sostibilidade do ecosistema biocircular na eurorrexión.
Avanzando no posicionamento no mapa internacional, ECOBAS lidera un consorcio integrado por nove entidades de Galicia e o Norte de Portugal para executar ata finais de 2027 un orzamento que supera o millón de euros.
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2026.- No seu papel como promotor e líder do BioTransfer_GNP, ECOBAS activou na mañá de hoxe a conexión ciencia-empresa nun encontro cos principais axentes clave para o impulso da bioeconomía na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. No transcurso da sesión, os participantes no encontro celebrado no Biopolo Sionlla intercambiaron información estratéxica para o desenvolvemento e o futuro do sector.
Froito da estratexia de cooperación despregada por ECOBAS, as tres universidades públicas galegas forman parte do consorcio que levará adiante este proxecto, que conta co financiamento da Unión Europea a través do programa POCTEP de cooperación transfronteiriza, cun orzamento total de 1.053.908 € que será executado ata finais do vindeiro ano 2027.
Como eixo para potenciar a capacidade innovadora das empresas, BioTransfer_GNP buscará integrar a biotecnoloxía e a economía circular e xerar un ecosistema que permita avanzar cara a modelos productivos máis sostibles.
A valorización dos recursos endóxenos da eurorrexión e a conexión entre os centros de coñecemento e o tecido produtivo, con foco nas pemes, startups e spin-offs, son prioridades neste proceso que os promotores califican de“transformador”.
Como entidade líder do consorcio, “ECOBAS exercerá un papel determinante para poñer a disposición do tecido empresarial o coñecemento científico preciso”, indicou a directora científica do centro interuniversitario, María Loureiro. “Para nós é unha gran responsabilidade e tamén unha gran oportunidade. O liderado deste proxecto pon de manifestó o valor diferencial que ofrecemos: coñecemento científico para xerar crecemento económico e desenvolvemento social, co máximo coidado da nosa contorna, e axudando ás empresas a seren máis competitivas e máis sostibles“, afirmou.
Este primeiro encontro BioTransfer_GNP, que reuniu a máis de medio centenar de axentes clave do sector da bioeconomía, “é moito máis que un evento de lanzamento; este foro é un instrumento en si mesmo, a mostra de que a través da cooperación real e efectiva estades a actuar xa como motor de innovación socioeconómica”, sinalou a vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta da USC, Almudena Hospido.
Pola súa banda, como axente dinamizador deste ecosistema, a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou a intensa cooperación entre Galicia e Norte de Portugal en proxectos de I+D+i coma este, e subliñou a contribución do BioTransfer_GNP para impulsar a transferencia de coñecemento nun eido estratéxico para Galicia como é a biotecnoloxía, en cuxa
estratexia de excelencia se está traballando conxuntamente a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e o propio sector.
Conexión ciencia-empresa
O consorcio responsable do BioTransfer_GNP concentrará os seus esforzos en identificar, poñer en valor e canalizar as capacidades do tecido empresarial na eurorrexión, aportando claras vantaxes competitivas ás empresas do sector. Así, o BioTransfer_GNP se encargará da creación da rede de Cooperación Transfronteiriza BioCircular; desenvolverá unha plataforma de conexión entre oferta e demanda de solucións bioeconómicas e unha carteira de proxectos aliñados coa estratexia de especialización intelixente.
A atracción de talento, a formación, a captación de financiamento e mellora de acceso a mercados exteriores actuarán como eixos transversais das accións contempladas.
Un mapa de recursos para a economía circular, que permita identificar residuos e subprodutos con potencial de valorización; unha guía legal con directrices para a circularidade dos materiais e actividades de formación e mentorizaxe para as pemes e os axentes da bioeconomía, completan os servizos previstos ao longo da vida deste proxecto.
O consorcio de BioTransfer_GNP
Xunto ás tres universidades galegas, integradas en ECOBAS, o consorcio responsable de levar adiante o proxecto conta cos socios clave do tecido empresarial da eurorrexión a través da participación do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida-BIOGA e da Associaçao Portuguesa de Bioindústria (APBIO). Da parte dos axentes dinamizadores da I+D, o BioTransfer_GNP conta coa participación da Xunta de Galicia, o Instituto Politécnico de Bragança, o Instituto Politécnico do Porto e o CVR-Centro para a Valorizaçao de Residuos.



