15/05/25

ECOBAS da a benvida ao festival científico “Pint of Science”, que celebra a súa X edición con más dun milleiro de eventos en toda España

  • O festival gratuíto de ciencia en bares celebra a súa décima edición os días 19, 20 e 21 de maio de 2025
  • A investigadora permanente e membro do Comité de Igualdade de ECOBAS, Coral del Río, participa en Vigo coa charla “Segregación escolar por estatus migratorio”
  • Como novidade deste ano, Pint of Science ofrecerá ferramentas para combater os bulos e a desinformación científica

Vigo, 15 de maio de 2025.- Con máis dun milleiro de eventos en 75 localidades, Pint of Science encherá de ciencia bares de todo o país os días 19, 20 e 21 de maio. A través de charlas divulgativas, monólogos ou experimentos de entre 20 e 30 minutos de duración, investigadoras e investigadores de todas as áreas de coñecemento compartirán o seu traballo nun ambiente moi diferente ao habitual.

ECOBAS estará este ano no festival en Vigo, onde Coral del Río, membro permanente do centro de investigación interuniversitario de Ciencias Sociais, explicará o proceso de segregación escolar vinculado ao estatus migratorio (consulta o detalle desta charla aquí).

As actividades na cidade olívica desenvolveranse nos bares El Castro e Vitruvia Café a partir das 19:30 h, cun total de 12 charlas científicas que cubrirán temas como saúde mental e neurociencia, nanotecnoloxía, sociolingüística e intelixencia artificial, inmunoterapia ou segregación escolar, entre outros.

A programación completa do festival pode consultarse na web oficial de Pint of Science.

Pinta a Bulo, a importancia de combater a desinformación científica

A confianza nos medios de comunicación atravesa unha crisis sen precedentes. A era dixital revolucionou a forma na que nos informamos, pero tamén propiciou a proliferación de novas falsas e contidos enganosos que provocan unha maior desconfianza nos xornalistas e  científicos. A ciencia é unha das principais dianas da desinformación e dos bulos, campo no que son especialmente perigosos, x que atacan, por exemplo, directamente á saúde da poboación.

Con ese obxectivo, as charlas dedicarán un espazo a la alfabetización mediática e ao desmentido de bulos científicos, especialmente aqueles que versen sobre saúde e medio ambiente. Esta parte do festival de divulgación científica lévase a cabo en colaboración con Infoveritas, unha axencia de verificación especializada en poñer freo á desinformación e ofrecer contexto informativo.

En Vigo haberá dúas charlas centradas en desmentir algúns bulos científicos. Mónica Martínez Fernández abordará o tema da inmunoterapia como tratamento contra o cancro, tratando de aclarar conceptos erróneos comúns. Pola súa parte, Carlos Spuch Calvar, desde a súa perspectiva como neurocientífico, falará sobre saúde mental e como esta afecta ao noso corpo.

Diálogo entre persoas científicas e a sociedade

Un dos obxectivos da organización é establecer o diálogo directo entre as persoas expertas que se adican á investigación e a sociedade. Carlos Peris Torres, coordinador nacional de Pint of Science e tamén investigador, comenta que “cada edición de Pint of Science é unha aventura, cada unha das 1.000 charlas que haberá este ano en todo o país será unha oportunidade de inspirar e de espertar vocacións. Cada interacción co público é un recordatorio de por que facemos isto, porque a ciencia non é só coñecemento, tamén é paixón, emoción e conexión humana’’.

Dez anos de Pint of Science

Pint of Science naceu en maio de 2013 en Reino Unido, cando os investigadores Michael Mostkin e Praveen Paul organizaron un evento nos seus laboratorios co fin de mostrar a investigación que realizaban a persoas afectadas por distintas enfermidades mentais. Eles mesmos comprobaron a gran repercusión que tivo neses pacientes, e pensaron “se a xente vai aos laboratorios… por que non levar a ciencia ao lugar onde está a xente, os bares?”. Uns anos despois, a súa idea daría a volta ao mundo, chegando a celebrarse neste 2025 simultaneamente nos cinco continentes, contando con 27 países participantes. Os científicos australianos serán os primeiros en subir a persiana dos bares e en brindar polo coñecemento e a súa divulgación. Desde alí, e co resto de países anfitrións, comezará unha maratón de tres días de ciencia e bares de todo o mundo.

A asociación sen ánimo de lucro Pint of Science España é a impulsora da iniciativa no noso país, que conta co apoio e esforzo de máis de 600 voluntarios e voluntarias, así como un gran número de entidades patrocinadoras como 3DforScience, Labbox, Technoform, CESIF, VHIO, Miltenyi, Plan Complementario, JJNN e Vadillo Asesores en toda España e o apoio de moitas outras entidades.

En Vigo, o festival conta co mecenado de atlanTTic, Lonza e Optare Solutions, e a colaboración do Concello de Vigo, Cienytech, IIS Galicia Sur, a Universidade de Vigo e a Unidade de Cultura Científica, e os centros de investigación CINBIO, CINTECX e ECOBAS.