Presentación do novo curso do Máster en Economía e do Programa de Doutoramento Interuniversitario en Análise Económica e Estratexia Empresarial
Esta mañá tivo lugar o acto de presentación do novo curso académico para as titulacións do Mestrado Interuniversitario en Economía e Programa de Doutoramento Interuniversitario en Análise Económica e Estratexia Empresarial, que contou coa presencia de boa parte do seu estudantado.
Hoxe celebrouse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela a apertura de curso do Programa de Mestrado en Economía e do Programa de Doutoramento Interuniversitario en Análise Económica e Estratexia Empresarial (PDIAEE). A apertura do acto tivo lugar da man dos profesores Carlos Hervés e María Loureiro, director e directora científica de ECOBAS e coordinadores do programa de doutoramento en Vigo e Santiago de Compostela, e da coordinadora do mestrado na Universidade da Coruña, María Alló, que deron a benvida ao alumnado e comentaron algunhas das cuestións máis relevantes sobre os programas de posgrao neste curso.
O encontro seguiu cunha conferencia impartida polo destacado investigador da IESE Business School da Universidade de Navarra, Javier Díaz Giménez, e co relatorio de Hugo del Valle-Inclán Cruces, alumno egresado do Programa de Doutoramento, quen contou á audiencia como foi o seu paso de doutorando a investigador nun relevante centro de investigación da Comisión Europea, o JRC de Sevilla, e presentou a ferramenta EUROMOD, empregada nese centro para diferentes tipos de estudos.
Para finalizar a xornada, os coordinadores do Mestrado en Economía, Eduardo Giménez, Ana Iglesias e María Alló, explicaron que esperan do alumnado neste ano e como deben afrontar esta nova etapa da súa carreira académica.