10/07/2024

Yago Atrio Lema, 2º Premio ICARUS 2024 na área de CC. Sociais e Humanidades, categoría Tese Doutoral

O traballo titulado “Perfilado do turista e modelos de recomendación” foi merecedor dun dos 18 premios do Programa ICARUS da Universidade de Santiago de Compostela (USC) na súa edición 2024. Estes galardóns recoñecen ao estudantado con traballos de fin de grao (TFG) e mestrado (TFM) ou teses de doutoramento destacados pola súa aplicabilidade social e económica.

 

Promovido pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, o Programa Ícarus celebrou na sede do CiQUS o acto de entrega duns premios que valoran a viabilidade técnica, comercial e económico-financeira, así como o grao de innovación no caso específico das teses de doutoramento, e a introdución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) en todos os traballos.

Buscando un Camiño de Santiago máis responsable e sostible

Nacido dos coñecementos adquiridos durante a súa etapa predoutoral, o proxecto de Yago Atrio Lema, investigador posdoutoral vinculado a ECOBAS, xurde en atención á búsqueda de solucións innovadoras para a xestión responsable e sostible do Camiño de Santiago. Dirixido pola investigadora permanente de ECOBAS Isabel Neira, o “Perfilado do turista e modelos de recomendación” aborda desafíos clave como a anticipación de chegadas de peregrinos e a xestión efectiva de fluxos turísticos.

Tres propostas de deseño de aplicacións son as solucións propostas neste estudo:

Aplicación de Predicción de Anomalías: en colaboración cun socio tecnolóxico, creación dunha ferramenta avanzada para prever con precisión as chegadas de peregrinos en diferentes etapas do Camiño, mellorando así a eficiencia na xestión de recursos e permitindo anticipar picos de afluencia.

APP para Peregrinos: creación dunha aplicación deseñada para mellorar a experiencia do peregrino. Baseada en preferencias individuais como intereses culturais, nivel de dificultade preferido e orientación persoal, ofrece recomendacións personalizadas sobre roteiros e sitios de interese cultural ao longo do Camiño de Santiago.

Aplicación de Análises de Preferencias: esta ferramenta de xestión interna para organismos públicos se orienta á análise das preferencias dos peregrinos baseadas nos datos recopilados. A planificación estratéxica para desconxestionar os camiños, axustando a oferta e a demanda, para lanzamento de campañas institucionais e/ou privadas mellor enfocadas.