03/10/2023

Un centenar de asistentes na xornada “Os novos activos dixitais”, tema de análise no Día da Educación Financeira

Preto dun centenar de asistentes tiveron a oportunidade de desfrutar onte da xornada “Novos activos dixitais: aspectos básicos na actividade empresarial”, coorganizada conxuntamente polo Observatorio AFFE e ECOBAS, na Facultade de CC. Económicas e Empresariais da USC no marco do Día da Educación Financeira.

Coa colaboración do equipo en Galicia do Instituto Español de Analistas, o equipo de expertos fixo un percorrido polos principais aspectos da economía cripto ou descentralizada (DeFi), que require dun certo coñecemento das tecnoloxías asociadas, así coma do seu impacto no tecido empresarial.

Durante a xornada, os asistentes puideron achegarse aos conceptos imprescindibles para afrontar a disrupción dixital: novidades coma o Euro dixital, as moedas dixitales dos bancos centrais (CBDCs), os NFTs, Blockchain, Bitcoin, Token (tokenización e tokenomics) os criptoactivos… Un amplo diccionario de termos que foi abordado dende unha perspectiva de transferencia de coñecemento e utilidade directa para o segmento empresarial, dadas as importantes repercusións da dixitalización financeira na actividade das empresas.

Polo seu valor como obra de consulta imprescindible sobre os criptoactivos, no transcurso da xornada tivo lugar a presentación do libro “Criptoactivos y monedas virtuales: marco regulatorio y tributación”, un manual de referencia elaborado por abogados expertos no asesoramento regulatorio e fiscal do sector financeiro, equipo de prevención de blanqueo de capitales, KYC, e prevención do fraude do primeiro exchange crypto rexistrado polo Banco de España.

OBSERVATORIO AFFE

O foro celebrado onte na USC foi, ademais, o acto escollido para a presentación pública do Observatorio AFFE (Accounting and Finance for Entrepreneurship Monitor), unha “plataforma de discusión e de intercambio de información e ideas” que nace cos obxectivos de estudar, sensibilizar e fomentar o desenvolvemento dunha axeitada xestión financeira, contable e de control de xestión, en emprendedores e pequenos empresarios. Promovido por ECOBAS e o Equipo GEM Galicia, o observatorio realizará, entre outras funcións, un seguimiento dos novos desenvolvementos na investigación e as súas aplicacións prácticas neste ámbito.