Xavier Labandeira, novo secretario xeral do Policy Outreach Committee de EAERE
O director de ECOBAS, Xavier Labandeira, vén de ser nomeado novo secretario xeral do Policy Outreach Committee da European Association of Environmental and Resource Economists (EAERE). Labandeira asumiu o cargo o 1 de xaneiro do 2024 tomando o relevo de Simone Borghesi, quen á súa vez ostenta agora a máxima responsabilidade na asociación, tras ser elixido presidente.
Como entidade asociativa no eido científico international, EAERE traballa cos obxectivos de:
- contribuir ao desenvolvemento e aplicación da economía climática, ambiental e dos recursos como ciencia en Europa;
- estimular e mellorar a colaboración e a comunicación entre o mundo académico, o persoal investigador, os decisores políticos e o estudantado da economía ambiental, climática e dos recursos nos diferentes países de Europa;
- desenvolver e estimular a cooperación entre universidades e centros e institutos de investigación en Europa.
O Policy Outreach Committee (POC), que agora lidera Xavier Labandeira, foi creado en 2018 e a súa misión é a de achegar o traballo dos expertos da economía ambiental, climática e dos recursos aos decisores políticos; buscar a súa relevancia na axenda pública; e posicionar a entidade a nivel internacional como stakeholder de referencia para o deseño das políticas públicas e os programas de investigación neste eido.
Fundada en 1990, EAERE conta cuns 1.200 membros en 60 países, pertencentes a institucións académicas e científicas, organizacións internacionais, sector público e mundo empresarial. A membresía está aberta a título individual a persoas que pola súa profesión, formación ou función están involucradas na ciencia da economía ambiental, climática e dos recursos, así como a institucións que operan en conexión cos obxectivos da Asociación.