Xavier Labandeira, novo director de ECOBAS
O catedrático Xavier Labandeira Villot vén de ser nomeado novo director comisario do Centro de Investigación Interuniversitaria ECOBAS (Economics and Business Administration for Society), despois da aprobación do acordo polo Consello Reitor da entidade, en sustitución de Carlos Hervés Beloso, quen deixa o cargo pola súa xubilación.
Xavier Labandeira Villot é catedrático de Economía Aplicada na UVigo, onde pertence ao grupo de investigación REDE. Formou parte do Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático da ONU (IPCC) para a elaboración dos seus Quinto e Sexto Informes de Avaliación. Posúe unha ampla traxectoria na xestión de centros e unidades de investigación logo de desempeñar, entre outras responsabilidades, a dirección da Florence School of Regulation-Climate na European University Institute de Florencia (2014-2017); a da Cátedra sobre Enerxía e Desenvolvemento Sustentable na UVigo (2011-2019), e a da Cátedra sobre Economía do Cambio Climático en FEDEA (2007-2009).
Tras o nomeamento Xavier Labandeira calificou coma “unha honra formar parte da dirección dun centro no que se atopan importantes investigadores galegos das ciencias sociais, que conforman unha institución galega competitiva no eido científico capaz de informar con solvencia as importantes decisións que terá que tomar a nosa sociedade nos vindeiros años”. O novo director comisario considera que a pesar do moito que ten avanzado ECOBAS ata o de agora, “temos aínda camiño por diante para convertérmonos nun centro consolidado que sexa capaz de mellorar o seu desempeño académico, tamén coa atracción de talento e de transmisión do coñecemento á sociedade galega”. O novo director considera cruciais ambas cuestións, que centrarán os esforzos e obxectivos de ECOBAS nesta nova etapa.
Co nomeamento de Xavier Labandeira queda conformado o novo equipo de dirección de ECOBAS, formado ademáis por María Loureiro como representante da USC e Emma Iglesias por parte da UDC, responsables da Dirección Científica e da Secretaría respectivamente, para afrontar un novo periodo de actividade no que se consolide ECOBAS como centro de investigación de referencia no eido académico e para a sociedade.