14/07/2023

Un estudo sobre o risco de transición climática e o seu impacto na estabilidade financeira, premio do Instituto Español de Analistas

Juan Carlos Reboredo, catedrático da USC e investigador de ECOBAS, Javier Ojea-Ferreiro e Andrea Ugolini recibiron o accésit dos premios Antoni Dionis Soler 2022

O sector das finanzas non é, nin moito menos, alleo ao proceso de cambio do modelo económico actual á unha economía baixa en carbono. Pero como o risco de transición climática, a través dos seus efectos nos prezos dos activos, pode afectar a estabilidade financeira? A través da análise dos impactos dos distintos escenarios de transición climática sobre o sector das finanzas, a investigación “Climate transition risks and financial stability” aporta nova luz sobre o reto das finanzas sustentables e por iso vén de recibir do accésit dos premios Antoni Dionis Soler 2022 do Instituto Español de Analistas.

“O risco climático estase a converter nun factor determinante que impacta directamente nos beneficios das empresas”, segundo explica Juan Carlos Reboredo, catedrático da USC, investigador de ECOBAS e coautor deste estudo. “As repercusións van máis aló dos beneficios das compañías; o risco climático afecta tamén á capacidade crediticia e polo tanto, á valoración das empresas nos mercados financeiros”, afirma Reboredo.

A investigación considera tres escenarios de transición climática, dacordo coa narrativa da rede NGFS – Network of Central Banks and Supervisors for Greening the Financial System, e avalía o impacto do risco sistémico de cada un dos tres escenarios nas empresas financeiras, tanto en termos de rendemento como en termos de déficit de capital.

En ambos apartados, os resultados da investigación evidencian significativas diferenzas entre o subsector da banca, as compañías aseguradoras, as empresas de servizos financeiros e as empresas inmobiliarias, para o periodo 2013-2020. O estudo identifica así “gañadores e perdedores potenciais” e vén a incidir na necesidade urxente de incorporar o risco climático á xestión integral de riscos asociados ás actividades financeiras (riscos operacionais, de crédito, de reputación ou de mercado).

O traballo inclúe ademáis unha simulación prospectiva de posibles medidas de transición climática para o vindeiro periodo de cinco anos, anticipando escenarios futuros para cada un dos grupos de empresas analizados no estudo.

O equipo responsable desta investigación está conformado por Juan Carlos Reboredo, catedrático da USC e investigador de ECOBAS; Javier Ojea-Ferreiro, economista senior de Bank of Canada; e Andrea Ugolini, profesor investigador da University of Milan-Bicocca.