
Un estudo analizará o impacto dos eventos climáticos extremos na ciberseguridade en España empregando modelos baseados en IA
- A directora científica de ECOBAS, María Loureiro, lidera o equipo de investigación do proxecto CIBER-ECO, que avaliará a posibilidade de predicir impactos das fendas de ciberseguridade en España con modelos baseados en intelixencia artificial (IA)
- Unha segunda liña de investigación afondará nos impactos económicos dos ciberataques en pemes e autónomos
Estudar e atribuír as ciberameazas no escenario macroeconómico mediante técnicas innovadoras como os modelos basados en intelixencia artificial é a liña de investigación principal do proxecto CIBER-ECO que lidera a directora científica de ECOBAS e catedrática da USC, María Loureiro.
Dotado con 400.000 euros polo Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), este proxecto de investigación estratéxico porá o foco en ameazas externas non previamente estudadas a nivel macroeconómico. Así, o estudo permitirá determinar como se relacionan as fendas de ciberseguridade con situacións de crise política, eventos ambientais extremos e outras vulnerabilidades.
Saber, por exemplo, como impactará a maior recurrencia de eventos extremos na ciberseguridade do noso país; que sectores económicos, lugares e recursos poden ser máis susceptibles a ciberataques nos distintos escenarios climáticos futuribles; e finalmente, averiguar se podemos predicir os impactos potenciais coa axuda de modelos baseados en intelixencia artificial, son as principais cuestións que plantexa esta liña de investigación.
Impactos en pemes e autónomos
A segunda liña de investigación do proxecto pretende ampliar o coñecemento existente sobre as fendas de ciberseguridade en termos de impactos económicos en sectores específicos, centrándose na vulnerabilidade do pequeno tecido empresarial en España, e en concreto nas pemes e autónomos.
Con distintas técnicas de análise, o equipo investigador busca coñecer ata que punto son conscientes as pemes e autónomos da súa exposición ao risco en materia de ciberseguridade; que sistemas utilizan para protexerse de ciberataques na actualidade e como os seleccionan; que ameazas consideran que poden ser máis importantes; e cales son as perdas que sofren de forma máis habitual por erros na súa ciberseguridade.
Creación de novos modelos preditivos baseados en IA
O proxecto CIBER-ECO comprende tamén o desenvolvemento de solucións de alto valor engadido para a mellora da ciberseguridade no noso país. Así, o equipo investigador creará novos modelos preditivos de fendas de ciberseguridade, ferramentas que empregarán algoritmos de intelixencia artificial (IA) para modelizar datos climáticos, combinados con outras técnicas de enquisa e modelos híbridos de aprendizaxe tipo “human-in-the-loop”.
Sobre INCIBE
O Instituto Nacional de Ciberseguridad de España (INCIBE), é una sociedade dependente do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, consolidada como entidade de referencia para o desenvolvemento da ciberseguridade e da confianza dixital de ciudadáns, rede académica e de investigación, profesionais, empresas e especialmente para sectores estratéxicos.