18/09/2020

Un crowdfunding consegue que un estudante guineano entre no Máster Interuniversitario en Economía

Un economista galego pon en marcha unha campaña de recadación de fondos na plataforma GoFundMe para conseguir que Jair Fernandes entre no Máster en Economía co que colabora ECOBAS.

O economista galego Brais Álvarez Pereira puxo en marcha unha campaña de recadación de fondos na plataforma GoFundMe para conseguir que o seu amigo Jair Fernandes puidese entrar no Máster en Economía co que colabora ECOBAS e vir a estudar á cidade olívica.

O estudante guineano foi aceptado no curso pero non contaba cos fondos necesarios para financiar a matrícula e a súa estadía en Vigo, arredor de 10.000 euros, por iso xurdiu a iniciativa. Pasaron poucos días dende que iniciaron a petición pero xa contan con case 8.000 euros 
aportados en distintas cantidades por benfeitores de todas as partes do mundo.


Motivación, dedicación e paixón pola aprendizaxe

A amizade entre Jair e Brais xurdiu entre 2016 e 2018, período durante o cal o galego traballou como economista para o Ministerio de Economía e Finanzas en Guinea-Bissau. En 2018, Brais fundou un pequeno centro de investigación socioeconómica, o Laboratorio de Economía de Bissau (BELAB). Para o primeiro proxecto contou co apoio de Jair como principal asistente de investigación, por recomendación de diferentes compañeiros. “Jair impresionoume dende o primeiro día coa súa motivación e dedicación ao proxecto. A súa eficacia converteuse na chave do éxito da iniciativa. Jair conta con unha grande determinación e forza, e o principal obxectivo de todo o seu esforzo é contribuír ao progreso do seu país. Dende esa experiencia, establecemos unha sólida e duradeira colaboración profesional e unha amizade das que son para toda a vida”, explica o economista.  

Unha idea orixinal que deu froitos en pouco tempo

“A idea de conseguir que un día Jair puidera estudar en Europa iluminóuseme ós poucos días de coñecelo, en canto vin canto se esforzaba no proxecto no que estabamos a traballar xuntos, e a súa paixón continua por aprender e construír unha carreira académica, malia a todas as dificultades ás que tivo que enfrontarse para conseguir estudar a carreira de Economía. A idea do crowdfunding ocorréuselle a Lucía Soldá, outra das organizadoras da campaña. Vendo que a posibilidade de que o aceptaran nun bo mestrado estaba aberta, atopar financiación a tempo de preparar os seus documentos antes do inicio do máster, era o seguinte gran desafío”, aclara o mozo.

Motivacións para estudar o Máster en Economía na UVigo

Jair tivo a preferencia por estudar en Galiza e cursar este máster por varias razóns. A primeira é a lingua. Aínda que entende ben o castelán e o galego, Jair non ten certificados oficiais nestas linguas, e vivindo en Guinea-Bissau non sería automático conseguilos. O feito de que os requisitos lingüísticos que se impoñen aos estudantes estranxeiros non son requiridos ás persoas orixinarias dos países de fala portuguesa, abriulle as portas a considerar Vigo como unha opción. A escolla do máster en Economía do Sistema Interuniversitario de Galiza debeuse en concreto á súa calidade de excelencia para a preparación a unha carreira académica, a primeira prioridade de Jair. “Falamos sobre as distintas posibilidades dentro da UVigo, e a Jair gustáballe o contido doutros dous programas, pero acordamos que o máis oportuno era enfrontarse ao desafío dun máster que o prepare técnica e metodoloxicamente para a investigación punteira en economía. En termos de axudarlle na súa carreira, é difícil entender a gran diferencia que fai nun país como Guinea-Bissau contar cun mestrado prestixioso e de calidade dunha universidade europea, e xa non digamos cun doutoramento”, explica Brais.

Jair está completamente decidido a aprender o máximo posible, e a súa prioridade é unha carreira académica. Se despois do mestrado conseguira a aceptación e apoio financeiro para un doutoramento, podería continuar a súa formación na Universidade de Vigo. “Agora que recibiu este apoio por parte da sociedade galega seguro que a perspectiva de seguir formándose aquí lle resulta moi atractiva. El está totalmente convencido de querer volver a desenvolver a súa carreira profesional en Guinea-Bissau, pero como todas as experiencias internacionais, quen sabe se un día o seu traballo contribúe a unir Guinea-Bissau e Galiza ou Europa, traballando nas dúas terras”.

Jair chegará a Vigo o día 19 de setembro con moita ilusión e agradecemento, xa que a campaña iniciada so fai uns días conta xa con case 8.000 euros. O orzamento estimado, adxunto na plataforma, é de 9.980 euros. Unha cifra que servirá para pagar a matrícula universitaria, o aloxamento, a comida, o transporte, o seguro médico durante doce meses, a viaxe de regreso a Bissau e os documentos para o visado. Ti tamén podes contribuír facendo unha doazón
neste enlace.

Dende ECOBAS estamos moi agradecidos a todas as persoas que formaron parte desta iniciativa e participaron no financiamento, e esperamos que Jair teña unha estancia agradable no noso país. Intentaremos axudalo en todo o que estea nas nosas mans. Noraboa por todo o conseguido, ¡o esforzo pagou a pena!