logo saves
18/10/2021

SAVES vístese de longo para a súa presentación oficial

O 26 de outubro presentarase de forma oficial a ferramenta dixital dende a Escola de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo

Vigo, 18 de outubro de 2021. O vindeiro martes 26 de outubro ás 12.00h terá lugar a presentación oficial de SAVES, unha aplicación dixital desenvolvida por ECOBAS, que permite consultar dende calquera dispositivo electrónico ampla información económico-financeira sobre as sociedades cooperativas galegas.

Esta ferramenta, accesible dende a web saves.uvigo.gal, foi co-financiada pola Rede Eusumo, e está deseñada para axudar á xestión diaria das cooperativas, as súas asociacións representativas, as xestorías e a Administración Pública.

O evento terá lugar no Salón de Actos da Escola de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo (Rúa Torrecedeira) e, ademais da presentación por parte dos seus creadores, María José Cabaleiro e Carlos Iglesias, e da técnica do proxecto, Belén Lemos, contará coa participación do Reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o presidente do Foro para a Economía Social de Galicia, Celso Gándara; e haberá unha conferencia a cargo de Carmen Rodríguez, Presidenta de Mulleres de Seu e Vicepresidenta de CLUN.

Para asistir de maneira presencial precísase realizar unha inscrición previa a través deste enlace, e poderá ser seguido tamén de forma virtual a través de UVigo TV.

Pódese atopar a información completa e o programa aquí.