SAVES publica o seu segundo Informe sobre cooperativismo e economía social
O Sistema de Asistencia Virtual para o Cooperativismo e a Economía Social, SAVES, xa publicou o segundo dos catro Informes que ten proxectados, e que amosa a Situación Económico-Financeira do Cooperativismo en Galicia
O Sistema de Asistencia Virtual para o Cooperativismo e a Economía Social, SAVES, xa publicou o segundo dos catro Informes que ten proxectados, e que amosa a Situación Económico-Financeira do Cooperativismo en Galicia.
Este asistente, creado polos investigadores María José Cabaleiro e Carlos Iglesias, é unha ferramenta capaz de xerar un conxunto de indicadores, tanto gráficos como cuantitativos, que recolle as particularidades das sociedades cooperativas, en especial da súa estrutura económica e financeira, e dos seus resultados. Ademais, elabora cocientes económicos habitualmente empregados na análise financeira, pero adaptados ás especificidades das cooperativas. Estes Informes están destinados non só ás cooperativas, senón á administración Pública, ás asociacións do sector; e ó persoal investigador das tres universidades galegas. A información básica e non protexida estará a disposición de todo o público, pero para a análise específica ou a medida existen diferentes niveles de accesibilidade.
Na actualidade, a información sobre o Cooperativismo e a Economía Social en Galicia está dispersa en diversas fontes estatísticas, o que dificulta o seu tratamento informático: non existe unha serie histórica con datos comparables no tempo; non se dispón dun conxunto de indicadores adaptados á singularidade das sociedades cooperativas; e ningunha das fontes estatísticas subministra datos doados de consultar nos dispositivos electrónicos móbiles que se utilizan hoxe en día. Esta realidade foi a que propiciou a posta en marcha do proxecto que deu orixe ó nacemento de SAVES.
A importancia do Cooperativismo
Historicamente o cooperativismo galego está caracterizado pola súa importancia en dous ámbitos: o agrario e o de traballo asociado. O primeiro agrupa tanto a PEMES como a grandes empresas con actividade do sector agrario; e o segundo está composto, sobre todo, de microempresas de todos os sectores de actividade. Pero cos anos teñen ido xurdindo experiencias cooperativas doutras clases, como as cooperativas do mar, servizos sociais, consumo, vivenda, transportes, ou servizos financeiros, entre outras. Todas elas conforman o movemento cooperativo galego que, ano tras ano, consolida a súa implantación en Galicia.
Os piares de SAVES