
SAVES convence ó cooperativismo e marca o punto de partida para a posta en marcha de novos proxectos
A presentación da ferramenta dixital SAVES, desenvolvida polos investigadores María José Cabaleiro e Carlos Iglesias, reuniu de forma presencial e virtual a numerosas persoas e entidades vencelladas co eido do cooperativismo, a economía social e a administración
Vigo, 26 de outubro de 2021. O acto oficial de presentación de SAVES (Sistema de Asistencia Virtual para o Cooperativismo e a Economía Social) tivo lugar na Escola Universitaria de Estudos Empresariais, centro da Universidade de Vigo moi vencellado ó cooperativismo, e estivo guiado polo Reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. Ademais de María José Cabaleiro e Carlos Iglesias, creadores da ferramenta e uns dos principais investigadores no eido do cooperativismo en Galicia, contou coa participación da directora xeral de Emprego, Traballo autónomo e Economía Social, Covadonga Toca; o presidente do Foro pola Economía Social de Galicia (FOROESGAL), Celso Gándara; a directora da Escola de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo, Consuelo Currás; e a presidenta da asociación Mulleres de Seu e vicepresidenta de CLUN, Carmen Rodríguez.
María José Cabaleiro foi a encargada de abrir o acto cunha presentación na que amosou o funcionamento, funcionalidades e gran potencial de SAVES para a xestión do cooperativismo, ó aglutinar datos que ata o de agora se atopaban dispersos en diferentes fontes de información e permitir consultar de maneira sinxela unha ampla información económico-financeira sobre as sociedades cooperativas galegas dende calquera dispositivo móbil. Carlos Iglesias pechou esta parte da presentación da aplicación sinalando as melloras que se pretenden poñer en marcha a partir de agora, centradas principalmente en ampliar o período temporal que abrangue a información e o número de cooperativas rexistradas, e que permitirán seguir aumentando o rendemento de SAVES.
Ó rematar a presentación da ferramenta foi o quenda da directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, que puxo en valor na súa intervención o concepto de cooperación e o valor que aporta a economía social a Galicia, xerando un emprego de calidade e centrado nas persoas, motivo polo cal a Xunta de Galicia está a desenvolver accións coma a Rede Eusumo ou a estratexia galega da economía social, que permitan seguir apoiándoo e desenvolvéndoo .Pola súa banda, Celso Gándara, presidente de FOROESGAL, quixo agradecer á Universidade de Vigo o apoio que está a dar no eido do cooperativismo, e sinalou a importancia que teñen iniciativas coma SAVES para recompilar datos, dalo a coñecer e poñelo así en valor, e rematou a súa intervención sinalando algunhas necesidades que poderían ser abordadas coa colaboración da universidade.
As últimas en intervir foron Consuelo Currás e Carmen Rodríguez. Currás, que fixo unha lembranza do importante papel que a Escola Universitaria de Estudos Empresariais tivo para o a economía social, sendo o lugar onde se creou Asociación de Economía Social e a Revista de Cooperativismo e Economía social, que publicou o seu primeiro número en 1990, foi a encargada de presentar a Carmen Rodríguez, á que definiu coma unha ‘muller empoderada’ é á que lle amosou a súa máxima admiración. Pola súa banda, unha emocionada Carmen Rodríguez quixo agradecer ós creadores de SAVES o seu traballo e compartiu co público as súas vivencias coma membro dunha familia historicamente vencellada ó cooperativismo e ó rural, sinalando o referente vital e profesional que son para ela a súa nai e a súa avoa, unha das fundadoras de Feiraco, e destacou a importancia de levar a cabo actuacións para mellorar o papel das mulleres na xestión e dirección das cooperativas, coma as que se levan a cabo dende a asociación Mulleres de Seu, que ela dirixe, rematando a súa intervención cunha mensaxe de optimismo a este respecto xa que, se ben aínda queda moito que mellorar, os cambios xa se están comezando a notar.
O peche do acto tivo lugar cunha homenaxe sorpresa que os creadores de SAVES e a Universidade de Vigo quixeron brindar a dúas persoas de gran relevancia no eido das ciencias sociais, Higinio Mougán, xerente de Agaca, e Constantino Gago, xerente de EspazoCoop: O Premio SAVES A toda unha vida dedicada a manter acendida a luz do cooperativismo.