Santiago de Compostela, capital mundial da bioeconomía coa celebración da XXIV BIOECON
A cidade acolle a celebración da BIOECON, conferencia mundial que reunirá o 31 de agosto e 1 de setembro a preto dun centenar de persoas investigadoras chegadas dos cinco continentes.
A USC é a anfitriona da XXIV Edición deste Congreso, que por primeira vez se celebra en España e que conta co apoio de ECOBAS, o centro interuniversitario galego de investigación en sustentabilidade e outras institucións académicas de máximo prestixio, como a Universidade de Cambridge e a Universidade de Exeter.
Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2023.- O A XXIV edición do congreso mundial BIOECON, de carácter anual e rotatorio, terá lugar por primeira vez en España os vindeiros 31 de agosto e 1 de setembro, coa Universidade de Santiago de Compostela como anfitriona do evento. A reunión da comunidade científica e académica en torno á bioeconomía, tamén chamada “Economía da Vida”, converterá á cidade en capital mundial do debate de expertos internacionais na xestión sustentable en múltiples áreas: recursos mariños, forestais ou enerxías renovables, entre outras.
O evento, que conta cun comité local presidido pola catedrática da USC María Loureiro, reunirá a preto dun centenar de participantes, persoal investigador procedente de países coma Noruega, Estados Unidos, Israel, Francia, Alemaña, Italia, China, Xapón, India, Reino Unido e España, entre outros moitos.
“Biodiversidade e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable” é o lema deste simposio que se celebra a prol da xestión sostible dos recursos naturais e ambientais, no que o obxectivo común e compartido é a busca dunha conexión harmónica entre a economía e o uso dos recursos, motivo polo que as xornadas contan co apoio de ECOBAS, o centro galego de investigación en sustentabilidade.
Relatores de prestixio mundial
A XXIV Edición da BIOECON conta coa participación de dous relatores convidados de primeira orde, ambos referencia internacional no eido da xestión dos recursos forestais e dos recursos mariños.
A profesora Erin Sills, da Universidade de Carolina do Norte, será a encargada da conferencia de apertura do congreso o xoves 31 de agosto ás 9.30 h, para dar a súa visión da xestión forestal e a crecente deforestación nalgúns países do mundo e os resultados de distintas políticas levadas a cabo a nivel mundial para evitar e reducir a deforestación.
Na segunda xornada, o venres 1 de setembro ás 9.30 h o profesor Rashid Sumaila, da Universidade British Columbia, impartirá unha sesión maxistral sobre a necesidade imperativa de introducir criterios de sustentabilidade na xestión dos océanos.
A XXIV Edición da BIOECON terá lugar na compostelá Hospedería San Martin Pinario.
Máis info: