
Resolución definitiva de concesión das BOLSAS ECOBAS de Inicio na Investigación en Economía (curso 24/25)
Tres estudantes da USC e dous da UVIGO son as persoas adxudicatarias das Bolsas de Inicio á Investigación en Economía que outorga ECOBAS neste curso 2024/2025. A axuda será económica, cunha contía de 1.125 € para cada unha das persoas beneficiarias; e formativa, pois os bolseiros gozarán dun periodo de 45 días de colaboración coa investigación que desenvolve o centro interuniversitario e que dará comezo o vindeiro 15 de xaneiro.
A información detallada da resolución reitoral foi publicada esta mañá pola vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo e se atopa accesible na súa secretaría online.
BOLSAS DE INICIO NA INVESTIGACIÓN EN ECONOMÍA · Curso 2024-2025
O Centro de Investigación Interuniversitario en Ciencias Sociais activa anualmente este programa de bolsas co obxectivo de promover a incorporación de estudantado interesado en iniciarse na carreira investigadora, facilitando a súa formación teórica e práctica, así como a adquisición de novas capacidades e destrezas que permitan o desenvolvemento da competencia investigadora no ámbito de traballo da Axenda Científica de ECOBAS.
As bases da convocatoria para o curso 24/25, publicada o martes 8 de outubro no taboleiro da Universidade de Vigo, así como toda a información relacionada con proceso, están dispoñibles na seguinte ligazón: https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/convocatoria/public/show/1444
A presente convocatoria se realiza mediante Resolución Reitoral da Universidade de Vigo, no marco do Convenio de Colaboración entre a Consellería de cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de Accións Prioritarias de I+D+i 2023-2024, con cargo ao orzamento da Xunta de Galicia, no marco de Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026 (aplicación orzamentaria 10.3.561B.744.0), que inclúe no apartado de Novas estruturas de Investigación, Apoio a transformación das agrupacións estratéxicas como accións financiables relacionadas con ECOBAS.