20/06/2019

Preséntase en sede parlamentaria o Anuario de Estatística Forestal, Elaborado polo grupo G4 Plus

O documento, deseñado e elaborado por parte do grupo G4 Plus, pertencente a ECOBAS, foi presentado onte polo Director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan.

Galicia conta xa co seu primeiro Anuario de Estatística Forestal, con datos actualizados a 2018, informe que foi presentado polo Director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, en sede parlamentaria o pasado 19 de xuño. O Anuario foi deseñado e elaborado por parte do Grupo de Investigación da Universidade de Vigo G4 PLUS – Desenvolvemento estratéxico: organizacións e territorios – membro de ECOBAS, a partir dos datos facilitados pola Consellería do Medio Rural.

O Anuario de Estatística Forestal de Galicia 2018 é o resultado dun exhaustivo traballo de recollida de información provinte da administración forestal e presentada estruturadamente con táboas e saídas gráficas con información complementaria, cun enfoque de sistemas de apoio ás decisións (decision support systems -DSS) que pode ser unha das ferramentas máis poderosas á hora de establecer políticas públicas.


Trátase do primeiro compendio publicado en Galicia que contén exclusivamente datos estatísticos forestais. O Anuario presentado inclúe información completa e detallada en relación coa estrutura da propiedade forestal en Galicia, así como sobre a ordenación e xestión forestal, repoboacións, tratamentos silvícolas, loita biolóxica contra diferentes doenzas e pragas, e producións forestais. En relación con estes últimos, o estudo incorpora datos sobre aproveitamentos madeireiros, de pastos ou micolóxicos. A publicación tamén compendia as empresas do sector, tanto aquelas provedoras de material forestal de reprodución como de servizos forestais, e de aproveitamento e transformación de madeira. Este Anuario da resposta a algunhas das directrices e peticións resaltadas na Revisión do Plan Forestal de Galicia, creado no seo do Consello Forestal de Galicia no ano 2015, que indicaban que  “É prioritario dispoñer de estatísticas e información fiable, actualizada e dispoñible”