Preséntase a primeira tese doutoral dentro do novo Programa de Doutoramento Interuniversitario de Análise Económica e Estratexia Empresarial
Elena Shakina foi a encargada de inaugurar esta nova etapa do Programa de Doutoramento co seu traballo
O pasado 13 de maio tivo lugar, na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense a defensa da primeira tese doutoral dentro do Programa de Doutoramento Interuniversitario de Análise Económica e Estratexia Empresarial. Este programa, no que participan as Universidades de Vigo, Santiago e A Coruña, é a adaptación á nova normativa de programas de doutoramento anteriores, en particular o de Economía (2010-2013) e o de Economía e Empresa (2013-2014).
Elena Shakina foi a encargada de inaugurar esta nova etapa coa tese titulada “Companies investment strategie for intangibles”, baixo a dirección do investigador de ECOBAS Ángel Antonio Barajas. No seu traballo analiza como as empresas establecen o seu comportamento estratéxico respecto dos seus intanxibles identificados e medidos en base á información pública. Estuda cales son os factores que poden impulsar a unha empresa a intensificar os seus recursos intanxibles e analiza diversos detalles coma se estes xeran vantaxes competitivas, se son recoñecidos positivamente polos inversores, se crean valor ou cales son as inversións en intanxibles máis axeitadas para os períodos de crise, entre outras.
Shakina conclúe que existen condicións baixo as cales a estratexia de intensificación dos intanxibles é axeitada. Ademais, atopa dous niveles de descomposición dos intanxibles, que teñen sido validados identificando mediante unha análise cluster seis compoñentes diferenciados, e caracteriza tres perfís estratéxicos: innovador, conservador e non intensivo en intanxibles, atopando que os dous primeiros superan en rendemento ó último e protexen mellor ás empresas en tempos de crise. Outras conclusións que ofrece a investigación son que os intanxibles están asociados con un aumento dos rendementos a escala, que agravan o conflito principal-axente nas empresas pola asimetría da información e que aumentan a súa relevancia coa crise, sendo de particular importancia o capital humano, a capacidade de xestión e a comercialización.
Como resultado do traballo desta investigadora varios artigos teñen sido publicados ou están aceptados para a súa publicación en revistas académicas de difusión internacional indexadas en SCOPUS.