13/02/2024

Presentado un estudo sobre o impacto dos fondos Next Generation na industria cultural e creativa de Galicia

O impacto dos fondos Next Generation na industria cultural e creativa de Galicia é o obxecto de análise no estudo que acaba de presentar a investigadora permanente de ECOBAS, María Bastida, xunto con Miguel A. Vázquez Taín e María Luisa del Río Araújo, todos eles pertencentes á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. O traballo formula un enfoque pioneiro sobre o modo de proceder na análise e seguimento do impacto de iniciativas de apoio en forma de subvencións ou fondos de recuperación, extrapolables a outros ámbitos, tanto en termos de avaliación como en execución e metodoloxía. A achega afonda ademais na capacidade de abrir novas vías en rendemento de contas ou na definición de mecanismos para analizar a efectividade de liñas de apoio a determinados sectores.

No caso concreto da industria cultural e creativa en Galicia, os resultados deste estudo amosan que por cada euro de axuda concedida ao abeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional —dentro do eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER 2014-2020— xeráronse case catro euros en actividade económica no sector. O Fondo REACT-EU forma parte dun paquete de axudas europeo aprobado pola Comisión Europea, denominado Next Generation EU, creado para contribuír a reparar os danos económicos e sociais inmediatos causados pola pandemia do coronavirus.

No marco do Hub Audiovisual Industria Cultural Galega que foi deseñado para destinar os devanditos fondos europeos ao sector empresarial cultural en Galicia, concedéronse máis de sete millóns de euros en axudas, xerando unha actividade de 28,5 millóns de euros. En concreto e tal e como pon de manifesto o informe, a actividade xerada con estas axudas impactou no resto da economía de Galicia cun incremento da produción total de 32,3 millóns de euros. Ademais, xerou en conxunto uns 777 postos de traballo.

Ao abeiro do Hub, realizáronse nove rodaxes audiovisuais en Galicia, a preprodución de 64 obras audiovisuais, seis aplicacións para xestións culturais, máis de 500 concertos e outras producións musicais, adquisición de equipamento e dotación de activos para 38 entidades culturais, actividades de exhibición cinematográfica en sete entidades e o desenvolvemento de dous videoxogos.

Fonte: Xornal USC

Fotos: Santi Alvite