Presentación de ECOBAS no seo da REDCIDi da UDC para impulsar a investigación multidisciplinar e a colaboración inter-Centros
A Rede de Centros e Unidades de I+D+i da UDC, REDCIDi, celebrou esta mañá na sede do CITIC unha reunión de traballo para a presentación oficial de ECOBAS, o Centro de Investigación Interuniversitario en Ciencias Sociais, que hai poucos meses vén de ser recoñecido como Centro Colaborativo da rede de excelencia CIGUS promovida pola Xunta de Galicia.
O Director Estratéxico de REDCIDi, Faustino Infante Roura, estivo acompañado pola secretaria de ECOBAS, a profesora da UDC Emma Iglesias, durante a presentación realizada pola Directora Científica de ECOBAS, María Loureiro, e a coordinadora de Transferencia, Isabel Neira.
Co obxectivo de potenciar as relacións inter-centros e explorar oportunidades de colaboración, as responsables de ECOBAS deron a coñecer aos membros de REDCIDi e centros CIGUS da UDC os eixos estratéxicos e as liñas de traballo que se desenvolven neste Centro multidisciplinar especializado no estudo da sostibilidade na súa triple dimensión: económica, ambiental e social. En materia de transferencia, a coordinadora da área detallou as capacidades que o equipo investigador de ECOBAS pon a disposición do conxunto da sociedade.
A REDCIDi foi creada en decembro de 2022 polo Consello de Goberno da UDC na súa aposta por acadar a excelencia na investigación, e actúa como coordinadora dos centros de investigación, traballa na homoxeneización de procesos e serve como ponte de comunicación entre os centros e as unidades de planificación e xestión da UDC.