
Pablo Fernández Castro, presidente de Norvento e membro do Comité Científico e de Innovación de ECOBAS, premio APD ao Directivo do Ano
O presidente de Norvento Enerxía e membro do Comité Científico e de Innovación de ECOBAS, Pablo Fernández Castro, recibiu onte da man da conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, o premio APD ao mellor directivo do ano.
No acto de entrega do galardón, Fernández Castro apuntou á necesidade de seguir incrementando a penetración de renovables en Galicia, comunidade importadora de enerxía fósil e contaminante, e en apostar por empresas cun proxecto sólido e raigames no territorio, para converter as necesidades de cambio en oportunidades de desenvolvemento económico para esta comunidade. “Na transición cara a unha economía descarbonizada existen grandes oportunidades e entre elas, Norvento vai un paso máis aló, construíndo e operando enerxía renovable e desenvolvendo tecnoloxía renovable. Contribuímos á independencia enerxética e tecnolóxica e creamos actividade industrial en Galicia”, afirmou.
Pablo Fernández Castro foi recoñecido neste acto como un “líder excepcional galego no mundo empresarial, que alcanzou logros extraordinarios para Galicia”, en palabras da Conselleira de Economía. Para ECOBAS, no seu proceso de afianzamento como centro de investigación de referencia en sostibilidade, é unha honra contar coa súa participación na recentemente completada estrutura de gobernanza, como novo membro do Comité Científico e de Innovación.