22/05/24

Os membros da Rede CIGUS acuden á reunión de benvida co Conselleiro de Educación, Román Rodríguez

Con motivo da incorporación de ECOBAS como novo membro da Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia – Rede CIGUS, a directora científica do centro interuniversitario, María Loureiro, participou na reunión de benvida ofrecida polo conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, aos representantes dos 13 centros acreditados para o periodo 2024-2027.

No transcurso da reunión, na que tamén participaron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, deuse a benvida aos cinco novos centros que a Xunta acaba de incorporar á rede, dous deles como centros de excelencia e tres en calidade de centros colaborativos, que se sitúan tamén na “senda da excelencia” e aspiran a acadar o máximo selo de recoñecemento nos vindeiros anos.

ECOBAS, Economics and Business Administration for Society, recén incorporado á rede CIGUS na categoría de centros colaborativos creada este ano, é o único centro de investigación en Ciencias Sociais que consegue acadar este fito e, á súa vez, o único de carácter interuniversitario, participado polas tres universidades do SUG. Na mesma categoría de centros colaborativos se incorporan tamén o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña e o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da Universidade de Vigo.

Dous novos centros de excelencia e oito que renovan o selo co máximo recoñecemento

Como novos centros de excelencia se estrean como membros da rede CIGUS o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, renovan a súa acreditación co máximo recoñecemento os seguintes: pola Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), o Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE); pola Universidade de Vigo, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións (AtlantTTic), o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIM), e pola Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC).

A Xunta de Galicia incrementou nun 31% o financiamento da rede CIGUS, cunha inxección de case 23,6M€ que permitirá que estes centros conten coa estabilidade económica para que os máis de 1.530 investigadores que traballan neles poidan desenvolver a súa actividade científica dun xeito estable ata 2027, segundo informan dende a propia Consellería de Educación. A rede foi creada para “transformar a potencia individual dos centros máis avanzados do sistema nunha gran forza colectiva mediante a posta en marcha de accións estratéxicas e coordinadas que contribúen a consolidar a súa excelencia, a incrementar o seu impacto social no benestar, na saúde ou na economía, e a situar a Galicia como referente científico no panorama nacional e internacional”.

FOTOS: Xunta de Galicia.