
Olga Alonso Villar, unha das dez protagonistas de “Quero ser investigadora 5”
“Historias de mulleres que con paixón polo coñecemento trazan un mapa de referentes cercanos para as que veñen detrás. Estas páxinas non so celebran os seus logros, senón que tamén nos invitan a mirar de cerca, a recoñecelas na pel de maestras, nais, compañeiras, veciñas e a entender que o futuro da ciencia se escribe con nomes propios, con historias que merecen ser contadas”.
Con estas verbas presenta a Unidade de Cultura Científica e de Innovación da UVigo a quinta entrega do catálogo “Quero ser investigadora”, unha aposta pola visibilización da ciencia galega en feminino que sirva como exemplo e inspiración para a mocidade.
Ademais do percorrido pola traxectoria das 10 científicas escollidas este ano, entre as que se atopa a investigadora permanente de ECOBAS Olga Alonso Villar, o catálogo ofrece unha guía didáctica con distintas actividades e contido gamificado para levar ás aulas e, por primeira vez, inclúe os contidos en formato audiolibro, cos relatos nas voces das propias protagonistas.
A evolución na presentación dos contidos para achegarse ao público mozo e encaixar nos novos hábitos e formas de comunicación, mantén intacto o seu espírito inicial: espertar as vocacións científicas entre as nenas a través de nomes propios e exemplos reais e próximos, capaces de reflectir que todo soño pode ser alcanzable, e que todas as disciplinas científicas son susceptibles de ser desenvolvidas -ou lideradas- por mulleres.
A astrofísica, a economía, a comunicación, o dereito ou a nanotecnoloxía son bos exemplos recollidos na quinta entrega deste catálogo.
Tanto o libro en PDF coma os distintos episodios do audiolibro, así como a guía didáctica, atópanse accesibles en liña e dispoñibles para descarga na web da UCC+i da UVIGO.
Máis info: nova publicada polo DUVI (05/06/25).