Olga Alonso Villar, investigadora de ECOBAS, convidada como experta a unha xornada europea sobre igualdade de xénero
Olga Alonso Villar, profesora catedrática pertencente ao grupo ECOSOT, asistiu o pasado 2 de marzo a unha xornada sobre igualdade de xénero organizada polo ‘European Institute for Gender Equality’ (EIGE) en Vilna, Lituania.
A profesora Olga Alonso Villar, Catedrática do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e integrante do grupo de investigación ECOSOT, foi convidada polo European Institute for Gender Equality (EIGE) para participar na xornada titulada “Experts Consultation on Gender Segregation in Education, Training and the Labour Market”, celebrada o pasado 2 de marzo en Vilna (Lituania).
A convocatoria tivo como obxectivo debater, nun foro no que participaron 32 expertas/os de diferentes países, os primeiros resultados do informe que o EIGE está a elaborar sobre os avances en materia de igualdade de xénero no marco da Unión Europea. Este instituto elabora regularmente informes para as diferentes Presidencias do Consello da UE. Neste caso, o estudo realízase a petición da próxima presidencia de Estonia, que mostrou un especial interese pola segregación laboral por xénero, así como pola relación que este problema garda coas diferenzas entre mulleres e homes no tipo de estudos universitarios cursados e no acceso a cursos de formación nas empresas.
Estes temas ocuparán unha posición destacada na axenda da nova presidencia, como o mostra tanto o feito de que o informe se estea elaborando en estreita colaboración co Praxis Centre for Policy Studies de Estonia, como que a propia Ministra de Asuntos Sociais do devandito país, Kathlin Sander, participase de forma activa na xornada. Outra das expertas que asistiu á reunión foi a Ministra de Educación e Investigación de Suecia, Anita Carlstedt.