28/11/24

O traballo do equipo de ECOBAS, primeira liña da 10th Annual Conference on the Economic Assessment of European Climate Policies

  • Co título “Climate Change and Extreme Events: A Tale of Social Amplification of Risks”, María Loureiro foi a keynote speaker da décima edición do workshop que se celebra cada ano en Florencia coa partipación de expertos de máximo nivel nas políticas públicas de avaliación ambiental.
  • Pola súa banda, o director adxunto de ECOBAS, Xavier Labandeira, foi o encargado de pronunciar a guest lecture “Towards a Just Transition: The Role of Fiscal Policies”.

A directora científica de ECOBAS, María Loureiro, foi a experta encargada na mañá de hoxe de pronunciar a conferencia de apertura da 10th Annual Conference on the Economic Assessment of European Climate Policies que se desenvolve en Florencia.

Nun momento de incremento da frecuencia dos eventos climáticos extremos e máxima preocupación polos efectos do quentamento global -con impactos dramáticos tamén en países coma España, coa recente catástrofe da dana de Valencia-, a intervención de Loureiro puxo o foco na importancia destes fenómenos para a análise económica do cambio climático.

A catedrática da USC e Premio Wonenburger 2024, que está a traballar intensamente no estudo destes indicadores no marco do proxecto CIBERECO, ilustrou con percepcións recollidas na plataforma social X como a desinformación pode estar incidindo de maneira significativa nas condutas relacionadas con este problema de alcance global.

Fiscalidade ambiental e políticas correctoras 

Pola súa banda e como relator convidado desta reunión científica, o director adxunto de ECOBAS e catedrático da UVIGO Xavier Labandeira abordou na súa exposición o crucial papel da equidade ou efectos distributivos no desenvolvemento do traballo de análise do cambio climático e das políticas correctoras. Entroncando co anterior, Labandeira plantexou posibles formas de compensación, vinculando fiscalidade ambiental e programas de gasto.

Comandado polo director da Florence School of Regulation – Climate (FSR Climate), Simone Borghesi, este workshop reúne a expertos da avaliación ambiental e económica das políticas públicas implementadas na Unión Europea e centrará o foco en asuntos como os prezos do carbono, a transición enerxética e a conservación da biodiversidade e dos ecosistemas.

A sede do European University Institute in Florence acolle as sesións de traballo desta importante reunión científica onde o feito de que o traballo investigador dos dous máximos responsables de ECOBAS ocupe as intervencións de primeira orde pon de manifesto a relevancia e o papel tractor que está a desempeñar o noso Centro de Investigación Interuniversitario nun asunto que está a ocupar a prioridade da axenda pública a escala global.