22/03/2021

O proxecto Sherpa do Mar crea un Mapa de Coñecemento Eurorrexional para o ámbito mariño-marítimo

Este mapa incorpora unha extensa base de datos sobre recursos científico-técnicos relacionados co mar e dispoñibles na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.

Sherpa do Mar é un proxecto transfronteirizo (España-Norte de Portugal) cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 e liderado dende a Universidade de Vigo.  

No seu obxectivo de crear unha rede transfronteiriza no ámbito mariño-marítimo, foi creado un Mapa de Coñecemento Eurorrexional que incorpora unha extensa base de datos sobre recursos científico-técnicos relacionados co mar e dispoñibles na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.
 

En concreto, este directorio recolle información sobre 99 organizacións e equipos de investigación de I + D -86 de Galicia e 13 de Portugal-, especializados nas áreas de Xestión integral dos océanos; Enxeñaría (portos, infraestruturas e enerxía); Observación do océano e do cambio global; Uso sostible dos recursos mariños e Apoio á innovación, cultura e desenvolvemento de empresas.
 

Así mesmo, contén os datos de 5.194 investigadores -1.929 de Galicia e 3.265 do norte de Portugal-, 76 patentes, 259 proxectos e 36 publicacións de I + D, así como 356 referencias de servizos.
 

Traballo extenso de compilación
 

A extensa base de datos que compón este mapa de coñecemento é o resultado da compilación de información sobre equipos de investigación no ámbito do mar e a súa principal produción científica, baseada en criterios específicos de acordo coas características do ecosistema Sherpa do Mar.  

Este traballo foi coordinado polo Centro de Investigación CIIMAR e colaboraron nel as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo e Oporto, facendo achegas sobre os seus recursos de coñecemento. Os resultados deste traballo foron recollidos polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, dende onde se liderou o desenvolvemento desta nova sección na páxina web do proxecto e para o que se contou co apoio do grupo de investigación REDE de ECOBAS.  

Aberto a novos rexistros
 

Ademais de actuar como fonte de información, as fichas do mapa especifican as localizacións das organización e equipos de investigación e facilitan o contacto cos seus responsables. O propósito último é promover a creación dunha comunidade de coñecemento transfronterizo en torno ó mar, polo que a base de datos está aberta a novas incorporacións.  

Deste modo, cualquera organización de I+D ou equipo de investigación de Galicia e o Norte de Portugal cuxas líneas de traballo estén relacionadas co ámbito mariño-marítimo pode formar parte deste Mapa de coñecemento eurorrexional efectuando o rexistro a través deste formulario.
 

No caso dos proxectos ou publicacións, os requisitos para incorporarse a este directorio, ademais dos xa citados, é que estén en curso ou concluídos nos últimos 5 anos.