23/05/2018

O proxecto LitterDrone, que conta coa participación de investigadoras de ECOBAS, acada o Premio Galicia das Comunicacións

O proxecto, liderado pola Universidade de Vigo e no que participa o grupo iMark, recibe o galardón ó Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais.

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia fallou a pasada semana os Premios Galicia das Comunicacións 2018, recaendo o galardón ó Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais no proxecto LitterDrone (Development and Exploitation of Innovative Tools for Remote Marine Litter Control and Management through UAVs), liderado polo grupo GPI da Universidade de Vigo, e no que participa o grupo iMark. Os membros do xurado resaltan a súa calidade e grao de innovación tecnolóxica, mediante o uso de sistemas abertos e participación efectiva de axentes implicados no eido da sustentabilidade ambiental.

Este proxecto, que comezou en 2017 e rematará a principios de 2019, está financiado polo programa Blue Labs: solucións innovadoras para retos marítimos, da EASME (Axencia Europea de Pequena e Mediana Empresa). O seu obxectivo é desenrolar un sistema piloto para caracterizar o lixo mariño nas costas europeas mediante o uso de vehículos aéreos non tripulados (drons), equipados con cámaras de alta resolución. As imaxes rexistradas por eses dispositivos serán procesadas por programas especializados para caracterizar os obxectos atopados nas mostraxes, caracterización que servirá para implantar medidas de prevención e mitigación.

A entrega de premios terá lugar o vindeiro 1 de xuño no Hotel Pazo Los Escudos, en Vigo.