O profesor Alberto Gago tomou posesión como numerario da Real Academia Galega das Ciencias
Mércores, 15 de decembro, Santiago de Compostela
O profesor Alberto Gago Rodríguez tomou posesión como Académico Numerario da Real Academia Galega de Ciencias esta tarde no Pazo de San Roque en Santiago de Compostela.
Gago deu o seu discurso de entrada á RAGC cun relatorio titulado “Economía, Cambio Climático e Políticas Públicas”, no que pon de relevancia o papel da investigación nun problema tan importante como o quecemento global. “O cambio climático é un fenómeno ben analizado polas ciencias da natureza. Pero a esta aproximación tradicional, a Economía engade unha investigación sobre as política de adaptación e mitigación e os mecanismo e instrumentos que poden utilizarse para xerar un cambio co comportamento nos axentes económicos” aclarou u exreitor da UVigo.
Biografía (fonte: Universidade de Vigo)
Catedrático de Facenda Pública, Alberto Gago Rodríguez (Vilanova de Arousa, 1956) doutorouse en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 1983. Na Universidade de Vigo foi director do Departamento de Economía Aplicada durante o período 1995-2000, vicerreitor de Planificación e Asuntos Económicos (2002-2006) e reitor (2006-2010). Noutros ámbitos, foi membro do Consello Económico e Social de Galicia, do Consello da Cultura Galega, do Consello Científico do Instituto de Estudos Económicos de Galicia – Fundación Barrié de la Maza e presidente da Asociación Española de Economía Enerxética.
O seu traballo de investigación desenvolveuse nos campos da incidencia impositiva, a reforma fiscal e a fiscalidade enerxético-ambiental, asuntos sobre os que publicou unha quincena de libros e máis de 70 artígos en revistas científicas. Como experto neste tema, participou no grupo de estudos de fiscalidade comparada o Ministerio de Economía e Facenda, no equipo de Fiscalidade da Energía e Desenvolvemento Enerxético, do Instituto de Estudos Fiscais e no grupo para a reforma fiscal, creado pola Fundación Iniciativas, que publicou o informe Una propuesta para la reforma fiscal en España.
Con respecto á súa vinculación con ECOBAS, Alberto Gago foi investigador principal e coordinador do grupo Rede, grupo centrado na economía ambiental e na innovación, con especializacións diversas en evaluación de impactos no entorno, deseño de instrumentos de política ambiental, imposición ambiental, reforma fiscal verde, mercados de permisos de emisión etc. Desde febreiro de 2016 é presidente do Comité Científico dos Encontros de Economía Pública.