O ‘metro do coñecemento’ de ECOBAS conquista ao público de todas as idades
Rapazada, público mozo, adulto e ata da terceira idade, participou o sábado en Vigo na primeira Feira Científica das Ciencias Sociais
Catro liñas, dez retos e un constante ir e vir de persoas dispostas a aprender sobre economía xogando. O metro do coñecemento de Ecobas estreouse este sábado no Centro de Ocio A Laxe cunha excelente acollida, convertendo a súa primeira feira científica nunha experiencia participativa que achegou a investigación en ciencias sociais a rapazada, adolescentes e persoas adultas. Cunha alta participación durante toda a tarde, o público respondeu con entusiasmo a esta orixinal proposta divulgativa, que conseguiu demostrar dun xeito accesible, ameno e divertido como a economía e a empresa, a sostibilidade e as finanzas forman parte da vida cotiá.
Catro liñas, unha parada: ECOBAS
Catro liñas, unha parada: Ecobas
Baixo o lema Catro liñas, unha parada: Ecobas, as persoas participantes percorreron unha particular rede de metro científico, cun billete de dez viaxes e parada en catro estacións temáticas que foron selando ao superar os diferentes xogos e retos.
Na liña A economía move o mundo, propostas como O desafío dos Avengers ou Tractor ou nada axudaron a comprender conceptos de macroeconomía mediante retos próximos e divertidos. A segunda, Sostibilidade: persoas e planeta, convidou a reflexionar sobre a economía circular, o cambio climático e o impacto das nosas decisións no medio ambiente con xogos como o Bingo ambiental e o Trivial da sostibilidade.
As finanzas para o benestar protagonizaron a terceira liña, na que actividades como A oca do teu peto permitiron descubrir a importancia da educación financeira para tomar decisións informadas. O percorrido completouse coa liña Ciencia para a cidadanía, cun Escape Box e un laboratorio contra mitos e bulos que puxeron a proba o pensamento crítico e a capacidade para identificar información fiable.
A feira enmárcase nas Xornadas de Portas Abertas de ECOBAS, unha iniciativa coa que o centro busca abrir a investigación á sociedade, compartir o coñecemento xerado nas universidades e reforzar a conexión entre a comunidade científica e a cidadanía. O éxito desta primeira Feira Científica reforza a aposta de Ecobas por unha divulgación próxima, participativa e útil, capaz de demostrar que o coñecemento xerado nas universidades pode converterse nunha ferramenta para comprender mellor a realidade e tomar decisións máis conscientes no día a día.










