O Máster Interuniversitario en Economía estaba preparado para un confinamento
O coordinador do Máster en Economía na UVigo Eduardo Giménez, destaca a rápida adaptación á situación por parte dos docentes do programa.
O profesor da Universidade de Vigo Eduardo Giménez, membro do grupo RGEAF e de ECOBAS e coordinador do Máster en Economía na UVigo, subliña a rápida adaptación á situación por parte dos docentes do programa.
“O Covid-19 non tivo ningunha incidencia nin na docencia nin nas probas finais do máster”
Durante os últimos meses milleiros de estudantes tiveron que renunciar ás clases presenciais por mor da pandemia mundial do Covid-19. Na maioría dos casos continuouse coa docencia por diferentes métodos telemáticos, pero con numerosas dificultades. Pola contra, o Máster Interuniversitario en Economía, que se imparte conxuntamente na Universidade de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, apenas se viu afectado. O seu coordinador na Universidade de Vigo, Eduardo Giménez, explica que ao tratarse dun programa que xa se viña realizando de maneira online, puido seguir impartíndose con normalidade.
Un programa de mestrado cunha metodoloxía acorde cos tempos
“O Máster pivota en dous elementos: O alumno ten dispoñible unha plataforma docente onde os profesores colocan os materiais e probas de avaliación. As dúbidas e preguntas quedan canalizadas a través de sesións de titorías individuais, o foro da plataforma docente, e a través de e-mails aos profesores. Doutra banda, as clases do máster emítense en directo a través da plataforma de videoconferencia Emeeting, un desenvolvemento de Adobe Connect realizado polo Campus do Mar da Universidade de Vigo. Ademais, ao gravar as clases, os alumnos poden volver a visualizalas asincronamente. Tanto a emisión das clases presenciais como o acceso á plataforma pode realizarse dende un PC, unha tablet, ou mesmo dende o teléfono móbil”.
Como indica o profesor Giménez, o programa de mestrado xa estaba adaptado á metodoloxía online e non tivo problemas para seguir cursándose durante a corentena. Todos os alumnos que dispoñían dos recursos necesarios e contaban con boa conexión a internet poideron seguir o curso dende o confinamento nos seus fogares.
Avaliación a través da plataforma Faitic
Como se vén realizando dende que se iniciou o Máster en Economía no curso 2018-19, a avaliación continua dos alumnos tamén se leva a cabo de forma virtual empregando a plataforma Faitic. A través desta ferramenta os alumnos poden realizar as diferentes tarefas ou subir os seus traballos para ser avaliados. No caso das exposicións, sempre foron telemáticas, polo que non houbo ningún cambio.
Antes do confinamento, algúns exames si que requirían a presencialidade e, nestes casos, un profesor en cada universidade encargábase de vixiar a proba. Este tipo de exames si que foron substituídos por probas en aulas virtuais e os alumnos tiveron que ter as cámaras dos seus ordenadores activas para poder realizar o exame.
A presentación dos TFM tamén será virtual
As defensas dos TFMs tamén se viñan celebrando de xeito virtual con anterioridade debido a que os tribunais están formados por membros das tres universidades e a defensa telemática permite que ninguén se teña que desprazar. Ao tratarse dun máster interuniversitario, nun dos itinerarios, participan profesores e alumnos das tres universidades. Este sistema facilita a docencia e a perda de tempo en desprazamentos innecesarios.
“Este ano gustaríanos captar a alumnado estranxeiro”
O profesor destaca a posibilidade de desenvolver unha metodoloxía 100% online deste programa como unha vantaxe para poder ser cursado por alumnos en todo o mundo. “Dadas as características docentes do Máster (a plataforma Faitic, e o sistema de videoconferencia Emeeting), temos a posibilidade de captar alumnos no estranxeiro. Unha vez que un profesor da Universidade da Coruña imparte clases a un alumno que se atopa a 150 km, pode impartir clase a outro que se atopa a 5.000 km. As dúas características do Máster permiten seguir os cursos independentemente da localización do alumno no planeta. Isto posibilita que poidamos captar alumnos en calquera parte do Globo”.
Tamén destaca que esta modalidade non sufriría ningunha modificación coa que se imparte na actualidade, só que debido á diferencia horaria as clases seguiríanse asincronamente.
Contar con patrocinadores permitiría aumentar o número de alumnos
Na opinión do profesor Giménez, na actualidade o máster non conta con moitos alumnos dentro de Galicia debido, en grande medida, a que non se conta con financiamento para eles, o que dificulta atraer bos expediente académicos. “A miña impresión é que de teren financiamento, habería maior demanda de alumnos. Por exemplo, sería o caso que existisen patrocinadores que subvencionaran a alumnos excelentes a cambio de que realizaran as prácticas curriculares nas súas empresas”.
“A experiencia online serviu aos profesores á hora de impartir as clases online en outros programas durante o confinamento
A maioría dos profesores do máster xa tiñan coñecementos na metodoloxía virtual e coñecían as ferramentas, polo que puideron adaptar a docencia online ao resto das clases que impartían sen problema. Isto foi unha vantaxe para eles, xa que durante a corentena moitos docentes tiveron que enfrontarse a novos sistemas que descoñecían totalmente, e dedicar moitas horas de traballo. A pesar da experiencia, o profesor Giménez subliña que a situación tamén lles serviu aos profesores do Máster para tomar conciencia das necesarias melloras na súa docencia online. “Os profesores exploraron novos xeitos de avaliar aos alumnos e de sacarlle máis partido ao sistema de videoconferencia, reinventaron as súas metodoloxías para ser máis eficaces e eficientes. O máis positivo que puidemos sacar desta crise foi decatarnos de que a Comisión Académica do Máster non se equivocou á hora de apostar pola docencia online, o que constitúe unha das características fundamentais do programa. Todos os profesores estivemos moito máis preparados para adaptarnos a esta situación de confinamento. Eu non atopo nada negativo desta situación: nin sequera temos máis carga administrativa da que tivemos o curso pasado!”