24/09/26

O ITC’26 presentará en Vigo os avances internacionais en turismo transfronteirizo

  • A UVigo acolle o International Tourism Congress 2026 con especialistas de catro continentes e os destinos transfronteirizos como laboratorios de sostibilidade
  • O simposio, organizado por CITUR, a UVIGO e ECOBAS, no marco do proxecto transfronteirizo Visit Rio Minho Plus, conta coa colaboración da Xunta de Galicia

A UVigo será a sede anfitrioa os próximos 1 e 2 de outubro do 18º Congreso Internacional de Turismo, o ITC’26, un encontro académico e profesional que reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.

Durante dúas xornadas, a comunidade investigadora internacional especializada no desenvolvemento deste sector estratéxico dirixirá o debate en termos de sostibilidade, innovación, gobernanza, cooperación territorial e desenvolvemento de destinos.

Organizado por CITUR, a UVigo e ECOBAS, o congreso contará coa participación de 138 voces expertas, de múltiples disciplinas e procedentes de trece nacionalidades, o que confire a este simposio un carácter nomeadamente global.

Como entidade promotora, CITUR atrae cun peso destacado á delegación de Portugal, que achega a esta edición máis do 80% de autores participantes, España será o segundo país con maior presenza, seguido de Brasil, Xeorxia e Marrocos. Porén, o alcance global deste encontro permitirá coñecer tamén de primeira man unha pluralidade de perspectivas de investigación sobre o turismo transfronteirizo dende outras nacionalidades diversas: Angola, Colombia, Eslovenia, Grecia, Países Baixos, Polonia, Reino Unido e Turquía.

Presencialmente no campus de Vigo, o simpósio celebrarase en formato híbrido para acoller ao longo de dous días a presentación dun total de 137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores e autoras vinculados a 52 institucións académicas e de investigación.

O impulso ao fortalecemento das redes académicas internacionais porase tamén de manifesto, pois do total de traballos que se darán a coñecer, un 14% están asinados por equipos internacionais.

Dacordo a estas cifras, o ITC consolida a súa posición como un dos principais foros internacionais dedicados á análise dos desafíos e oportunidades do turismo, con especial atención á cooperación entre territorios e rexións fronteirizas. Nesta ocasión, 82 relatores presentarán as súas investigacións distribuídos en 12 sesións presenciais, mentres que outros 56 darán a coñecer os seus estudos durante as 9 sesións que poderán seguirse en liña.

A dimensión global do encontro tamén se reflicte na diversidade lingüística das investigacións que se presentan, cun 80 % das publicacións en inglés, un 15 % en portugués e un 5 % en español, o que permitirá facilitar o intercambio académico e a difusión internacional dos resultados científicos.

Visit Rio Minho Plus, modelo a exportar

Como membro do comité científico e responsable do comité organizador, o equipo liderado pola profesora da UVigo e investigadora de ECOBAS, Elena Rivo, deseñou para este simposio un escenario de análise e debate no que “a fronteira entre territorios se enfoca como un espazo único de riqueza, onde a participación activa das comunidades e a valorización e coidado dos recursos son os elementos cardinais para a atracción de visitantes”.

Baseado neste enfoque, o proxecto transfronteirizo Visit Rio Minho Plus, fundamentado na consolidación da Marca Río Miño e na creación de novos produtos turísticos transfronteirizos, constitúe o eixo sobre o que se artellan as distintas temáticas que se abordarán no programa do congreso.

Así, alén dos avances de investigación e a valiosa cooperación para favorecer a transferencia do coñecemento aos territorios, o ITC’26 contribuirá a posicionar os valores singulares da xestión do turismo transfronteirizo sobre o eixo do Río Miño e a cooperación estratéxica entre Galicia e Portugal moito mais aló das nosas fronteiras.

O tempo de lecer, tamén para o turismo transfronteirizo

Completando o programa académico, as actividades sociais do congreso contemplan a realización do Eurocity Tui–Valença: «Navegando entre fortalezas», que inclúe a visita á fortaleza de Valença, a Ponte Internacional e á catedral de Tui, nunha proposta que permitirá abordar temas tan diversos como o Camiño de Santiago e o fenómeno do contrabando.

Outra opción que poderán explorar as persoas participantes no congreso será o «Paseo en barco polas illas do río Miño» dende Vilanova de Cerveira, que se completará cunha visita á Bienal de Cerveira.

Apoio institucional

Mostra do respaldo que as distintas administracións -europeas e rexionais- outorgan a esta iniciativa de calado internacional, o acto de clausura do congreso contará coa presenza da Reitora da UVigo, Carmen García Mateo, quen estará acompañada polo Director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis Lugués; e a copresidenta do ITC’26, Elena Rivo.

O proxecto Visit Rio Minho Plus no que se enmarca o ITC’26 está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España Portugal (POCTEP) 2021-2027.