O investigador Mario Pansera incorporase a ECOBAS mediante unha ERC Starting Grant para demostrar que unha sociedade pode prosperar sen un crecemento económico constante
O doutor Pansera levará a cabo a súa investigación sobre modelos económicos alternativos durante cinco anos na Universidade de Vigo.
O doutor Pansera, que actualmente é profesor axudante cun contrato Serra Hunter na Universidade Autónoma de Barcelona, acaba de conseguir unha das prestixiosas bolsas Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), e que lle permitirá levar a cabo a súa investigación durante cinco anos na Universidade de Vigo.
Tras doutorarse en Management pola Universidade de Exeter, Mario Pansera desenvolveu unha estadía posdoutoral en Bruxelas, a través dunha bolsa Marie Curie, para posteriormente traballar como investigador na Universidade de Bristol. A súa precoz e frutífera carreira na investigación centra as súas liñas de traballo na investigación e innovación responsables (RRI) e a innovación para a sustentabilidade. Pansera comezará o seu proxecto na UVigo a comezos do 2021 e ECOBAS será o seu grupo de referencia.
Mario Pansera comezou a súa carreira licenciándose en Enxeñería Superior de Telecomunicacións pero dende sempre lle fascinou a relación entre a tecnoloxía e a sociedade e isto levouno a diversificar o seu camiño. “O desenvolvemento tecnolóxico, que a primeira vista parece un proceso neutral e apolítico, está fundamentalmente marcado e definido polos valores, as ideoloxías e as visións do mundo das persoas e os grupos de poder que deseñan os sistemas tecnolóxicos. Estes valores, que están incrustados na tecnoloxía, rematan sendo determinantes para definir o tipo de sociedade na cal vivimos. En certo sentido poderíase dicir que non todas as tecnoloxías son compatibles con calquera tipo de sociedade e, viceversa, non todas as sociedades posibles son compatibles con calquera tipo de tecnoloxía. Estes temas ocupan a maior parte do meu traballo como investigador”, indica Pansera.
Nos últimos anos centrouse no concepto de responsabilidade no desenvolvemento e a gobernanza da ciencia e tecnoloxía nas institucións científicas europeas, participando en varios proxectos H2020. Destaca o proxecto “RRI-Practices” (https://www.rri-practice.eu/) onde participou como co-IP na Universidade de Bristol, en Reino Unido. Tamén destaca o seu interese e estudo na Economía Circular, participando activamente na rede Marie Curie ReTrace coordinada pola Universidade de Sheffield (http://www.retrace-itn.eu/).
Para Pansera conseguir unha ERC representa un cambio incrible na súa carreira de investigación, non soamente pola entidade que concede a axuda, senón tamén polo prestixio que se asocia a un Starting Grant. “En termos concretos, este premio dáche a oportunidade de elixir onde queres traballar sen pasar polos duros e competitivos procesos de selección que caracterizan ás institucións científicas en Europa. En España, ademais, un ERC converteuse nun dos poucos camiños que quedan para conseguir unha posición estable dentro do sistema universitario. O sistema leva anos bloqueado e a precarización dos investigadores converteuse nunha condición normal. A pesar de ter conseguido unha posición consolidada como Serra Hunter na UAB en Cataluña, a ERC dáme a posibilidade de facer un salto inesperado na miña carreira académica. Por outra banda, terei a independencia e liberdade de establecer unha liña de investigación nova que se adapte totalmente aos meus intereses académicos”, comenta o investigador.
O proxecto co que gañou esta Starting Grant, PROSPERA (Prospering without growth: Science, Technolohy and Innovation in a post-growth era) nace a partir do traballo científico levado a cabo nos últimos anos por Mario Pansera e por outros investigadores e investigadoras dentro do ámbito do decrecemento e a ecoloxía política. En España destaca a actividade do grupo Research & Degrowth (https://degrowth.org/). “A idea fundamental era desenvolver un debate entre a comunidade de Critical Management Studies (CMS), que se ocupa de criticar as formas organizativas que caracterizan a economía capitalista, e as numerosas críticas ao concepto de crecemento económico como panacea aos problemas causados polo mesmo sistema do capitalismo globalizado. O primeiro paso foi a publicación do Working Paper “Innovation Without Growth: Technological Change in a Post-Growth Era” en 2019. De todas formas, os temas tratados en PROSPERA levan anos debaténdose nas comunidades de CMS, Political Ecology e Ecological Economics entre varios fórums académicos. O meu proxecto beneficiouse de moitos debates e de contribucións de moitos amigos e compañeiros”, aclara o investigador.
Que Mario Pansera escollera a Universidade de Vigo, e en concreto a ECOBAS, como grupo de referencia para desenvolver o seu proxecto é unha noticia estupenda que marcará un fito na Agrupación e a colocará en primeira liña na investigación sobre economías e organizacións alternativas a nivel mundial. Pero a súa elección vai máis alá dos motivos académicos. “A miña relación con Galicia é fundamentalmente sentimental. Parte da miña familia é de aquí e eu síntome xa metade galego. Ademais, ECOBAS ten o potencial de encaixar con moitos dos aspectos que se tratarán no proxecto. Por exemplo, a necesidade de repensar a relación entre economía e medio ambiente. Espero establecer unha relación moi próxima coa Agrupación’, comenta o doutor.
Mario Pansera chegará a Vigo coa ambición de crear un grupo que no só destaque pola calidade do traballo científico, senón tamén pola orixinalidade da súa proposta teórica. Neste sentido, unha universidade relativamente pequena como a UVigo permitiralle desenvolver unha axenda de investigación novidosa e alternativa, destacando fronte aos seus competidores, máis grandes e con moitos máis recursos. “A idea é crear un grupo permanente que se ocupe de imaxinar como podería ser un mundo e unha economía que non estea obsesionada con perseguir un crecemento económico indefinido como obxectivo fundamental da nosa sociedade. Isto require a capacidade de re-imaxinar como organizamos a produción, como valoramos e medimos o éxito dunha organización e como distribuimos a riqueza producida”.
Para a realización do proxecto crearase un grupo multidisciplinario formado por mozos investigadores e investigadoras con un perfil internacional. O proxecto, con un orzamento de case 1’5 millóns de euros, financiará en principio un mínimo de 4 bolsas pre-doutorais e 3 contratos posdoutorais con perfís especializados en disciplinas como Organizational Studies, Political Ecology, Critical Management Studies e Science and Technology Studies. Pansera valorará nos candidatos a apertura mental e o enfoque interdisciplinario.
O investigador afirma que a actual crise do Covid19 é o resultado máis visible, xunto co cambio climático, dos erros do sistema económico actual baseado nun capitalismo financeiro global fóra de control. “Eu creo que como sociedade si estamos preparados para un cambio, pero as elites políticas e empresariais non o están. A receita sempre é a mesma: reactivar o crecemento económico como panacea aos erros do sistema. O problema é que o crecemento económico historicamente nunca se acompañou automaticamente de melloras das condicións de vida. O crecemento económico necesita ser direccionado e gobernado para que os seus beneficios se poidan repartir de forma xusta entre todos os sectores sociais. Sen embargo, hoxe atopámonos na situación de que este crecemento xa non é posible, sexa polos límites evidentes dos ecosistemas que soportan os sistemas económicos, sexa polo enorme custo humano que o “crecemento polo crecemento” causou. Falo da precarización do traballo, a redución dos dereitos e do empeoramento das condicións de vida de millóns de traballadores e traballadoras sacrificados sobre o altar do crecemento. Fai só uns anos estes temas eran tabú na gran maioría dos círculos académicos e no debate público. Sen embargo, nos últimos anos a cousa mudou. Hai cada vez máis xente, incluso nos sectores máis tradicionais da Academia, que empeza a cuestionar a idea de crecemento económico indefinido. O feito de que a UE decidira apostar por un proxecto como o meu é un sinal claro deste cambio de visión. Partindo desta base, PROSPERA vaise preguntar máis concretamente si hai un lugar para a innovación e a creatividade nun modelo de “poscrecemento”, xa que, na miña opinión, desenredar o proceso de cambio tecnolóxico do crecemento é a chave para imaxinar unha era que non se base nunha acumulación insostible de bens materias. En síntese, as preguntas básicas do proxecto van ser : como deberían funcionar as organizacións públicas e privadas nun sistema que no se basea ideoloxicamente nun crecemento sen fin; que niveles de complexidade tecnolóxica podemos alcanzar nunha economía que non está obsesionada en incrementar indicadores monetarios como o PIB; e que políticas, infraestruturas e formas organizativas se necesitan para este novo paradigma de innovación. A innovación e a creatividade nunca van desaparecer nas sociedades humanas, pero si é importante direccionalas e gobernalas de forma responsable”, afirma o profesor.
Con toda probabilidade o proxecto porase en marcha no próximo mes de febreiro de 2021. Mario Pansera traballará duro para colocar á UVigo e a ECOBAS no mapa dos grupos pioneiros na investigación sobre sistemas económicos máis xustos e sostibles.
Mario Pansera coincidirá a próxima semana co coordinador da Agrupación, Carlos Hervés, na “Semana da Investigación, o Desenvolvemento e a Innovación” da Escola de Economía e Negocios (EEyN) da Universidade Nacional de San Martín (Unsam).