10/07/2020

O investigador Hugo del Valle-Inclán Cruces, membro de ECOBAS, recibe un premio internacional

O traballo premiado polo centro de datos LIS propón un novo método para medir a desigualdade de oportunidades.

O centro de datos LIS, con sede en Luxemburgo e Nova York, acaba de outorgar o seu premio anual Aldi Hagenaars Memorial ao investigador Hugo del Valle-Inclán Cruces, estudante do Programa de Doutoramento Interuniversitario en Análise Económica e Estratexia Empresarial da Universidade de Vigo, e membro de ECOBAS e do grupo de investigación RGEAF.

O devandito premio concédese ao autor menor de 40 anos do mellor artigo incluído durante o ano anterior na serie de documentos de traballo que publica a mencionada institución. O artigo premiado nesta edición, titulado Estimating Inequality of Opportunity in More Periods Than Ever Before: The Capital Income Approach, foi seleccionado entre 19 traballos cualificados por un comité conformado por seis membros con formación en diferentes disciplinas das ciencias sociais. Este artigo constitúe un capítulo da tese doutoral do galardoado, que trata sobre diferentes aspectos teóricos e metodolóxicos da medición da desigualdade de oportunidades.


LIS é una asociación sen ánimo de lucro creada en 1983 que se encarga de recompilar, harmonizar e poñer á disposición da comunidade investigadora as maiores bases de microdatos sobre ingreso e riqueza dispoñibles. Os galardóns que outorga anualmente dende 1994 están adicados á memoria de Aldi Hagenaars, unha das primeiras profesoras de economía na historia dos Países Baixos, quen sufriu unha prematura morte con só 39 anos. O premio consiste nunha recompensa económica, ademais da invitación a participar como membro distinguido do centro e presentar o traballo galardoado no próximo LIS Summer Workshop.


O ingreso de capitais como ferramenta para medir a desigualdade de oportunidades


O traballo seleccionado propón un novo método para medir a desigualdade de oportunidades que permite obter un maior número de estimacións do que é posible cunha metodoloxía tradicional, grazas a aproveitar a persistencia interxeracional dos ingresos de capital. Este método consiste en empregar ingresos de capital como “aproximador” da orixe socioeconómica dos individuos, e así evitar estar atados pola escasa dispoñibilidade de información sobre a educación e ocupación dos proxenitores (que son os “aproximadores” habitualmente empregados na literatura). “Primeiro defino a medida de ingresos de capital a empregar cun algoritmo deseñado para este fin, e tras comprobar que a precisión do método proposto é moi satisfactoria, aplícoo para estimar a evolución da desigualdade de oportunidades en Europa cun nivel de detalle ata agora non posible”, engade Hugo.


A desigualdade de oportunidades é un concepto enmarcado nas teorías de xustiza distributiva que nos últimos anos está a atraer moita atención nos círculos académicos e políticos”


O artigo premiado é un capítulo da tese de doutoramento na que está a traballar Hugo, titulada Issues on the measurement of opportunity inequality, dentro do Programa de Doutoramento Interuniversitario en Análise Económica e Estratexia Empresarial. Ademais do previamente mencionado, o seu traballo de investigación fai fincapé no papel que xoga o xénero na determinación da desigualdade de oportunidades, “dimensión que ás veces é ignorada incluso nun campo tan eminentemente igualitarista coma este”.
A tese do alumno galardoado, dirixida polo coordinador de ECOBAS Carlos Hervés Beloso, ía ser presentada o pasado mes de abril pero, co bloqueo dos prazos administrativos por mor da Covid-19, tivo que agardar e será presentada nas próximas semanas.

Non esperaba o premio en absoluto”


“Emprego os datos do LIS na miña investigación, e a comezos do ano pasado fixen unha visita ao centro no marco das axudas europeas do programa H2020. Pouco despois enviei o artigo á súa serie de papeis de traballo, en parte para dar visibilidade e agradecer o seu labor na recollida de datos. Nese momento indiquei que son menor de 40 anos, pero cando esta semana me avisaron do premio foi unha completa sorpresa”, comenta Hugo.

Aquí podes ver un resumo do documento premiado, que foi incluído na newsletter que publica o LIS.