O investigador Gustavo Bergantiños, novo membro do Comité Científico-Executivo de ECOBAS
Gustavo Bergantiños pasará a ocupar o posto que deixa baleiro Carlos Gradín debido á súa próxima incorporación ó UNU-WIDER de Helsinki.
O traslado do catedrático Carlos Gradín a Helsinki para incorporarse ó UNU-WIDER, centro de investigación da Universidade das Nacións Unidas, deixa un asento baleiro no Comité Científico-Executivo de ECOBAS. O encargado de ocupalo será Gustavo Bergantiños, quen, coma Gradín, pertence ó grupo ECOSOT.
Bergantiños é Catedrático de Universidade no departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Vigo, e as súas investigacións están centradas na teoría de xogos, máis concretamente no reparto de costes ou beneficios en problemas de investigación operativa. A súa longa experiencia en investigación, avalada por máis de 14 proxectos coma investigador principal financiados en convocatorias competitivas, máis de medio centenar de artigos publicados en revistas indexadas no Journal Citation Reports (JCR) e a súa participación destacada en importantes revistas, consellos e sociedades, o converten nun importante activo para este Comité da Agrupación.