19/10/26

O investigador de ECOBAS Lucas López Manuel lidera xunto a Xosé H. Vázquez o proxecto MOSAIC para unha transición verde xusta

Como parte da estratexia europea para acadar unha transición verde xusta, sostible e socialmente responsable, o proyecto MOSAIC buscará resultados para seguir avanzando cara a unha economía climaticamente neutra. 

Combinando historia, economía, socioloxía e estudos de políticas, un consorcio integrado por oito socios de seis países analizará ata 2030 as transformacións do pasado, trazará un mapa da evolución actual e modelizará escenarios futuros, co fin de crear estratexias viables e instrumentos políticos que contribúan a reforzar a competitividade, a resiliencia e a inclusión.

Texto: Mª del Carmen Echevarría Figueroa / DUVI

“Unha transición verde xusta é aquela que permite avanzar cara unha economía descarbonizada e máis sostible sen trasladar os custos de maneira desproporcionada a traballadores, empresas, sectores ou territorios. É dicir, significa procurar que ninguén quede atrás”.

Así explica o investigador posdoutoral de ECOBAS na UVigo Lucas López Manuel as características dunha transición verde xusta, que “na práctica, implica promover a innovación e as tecnoloxías verdes, pero tamén facilitar que os sectores e empresas vinculados a actividades en declive poidan modernizarse, diversificarse ou incorporarse a novas cadeas e valor”, engade.

Xunto ao catedrático de Organización de Empresas da UVigo e investigador garante de ECOBAS Xosé H. Vázquez Vicente, López lidera o proxecto europeo Mosaic, Modelling, Scenarios, Analysis and Collaboration for Green Transitions, (Modelización, escenarios, análise e colaboración para transicións verdes), coordinado pola Universidade Económica de Katowice, Polonia, e no participan oito socios de Italia, Noruega, Francia, Alemaña e Serbia e España.

Ata agosto de 2030 e cun orzamento de 3,33 millóns de euros, dos que 242.000 corresponden ao equipo de Vigo, Mosaic desenvolverá unha comprensión comparativa, histórica e espacial das transicións industriais para apoiar unha transición verde xusta, analizando como o declive e a renovación afectan ás rexións, ao mercado laboral, ás empresas e ás institucións, empregando diversas disciplinas para interpretar as tendencias, simular futuros e orientar políticas.

O traballo estruturarase en tres tempos: pasado, presente e futuro e permitirá avaliar comportamentos e opcións políticas, mentres a colaboración con actores sociais transformará os resultados en estratexias, co obxectivo de aumentar a competitividade, a resiliencia e pechar fendas, ofrecendo ferramentas para aliñar políticas actuais con metas a longo prazo nun contexto de descarbonización.

Análise histórica das transicións industriais

Miguel González e Alexandra França, xunto con persoal investigador da Área de Transferencia do grupo Rede da UVigo, completan un equipo “que combina experiencia en investigación, innovación, sostibilidade e transferencia de coñecemento”, asegura Lucas López, que explica que o seu traballo se centra principalmente na análise histórica das transicións industriais e, en particular, na maneira en que empresas, sectores e territorios responderon aos retos ambientais desde os inicios da Revolución Industrial. “Queremos comprender que factores desencadearon os cambios, cales os frearon ou facilitaron e porque algunhas empresas se anticiparon aos retos ambientais, mentres que outras adoptaron estratexias máis pasivas ou de espera”, detalla o investigador de Ecobas.

En canto á perspectiva do proxecto de desenvolver unha comprensión comparativa, histórica e espacial das transicións industriais para apoiar unha transición verde xusta, considera López Manuel que a principal vantaxe de tomar unha perspectiva histórica é “que nos permite reconstruír os acontecementos do proceso de cambio, os incentivos aos que se enfrontaban os axentes, as súas decisións, e as consecuencias destas. Isto permite estudar que está detrás dos casos de éxito e, quizais máis importante, detrás dos fracasos. Por exemplo, cales foron os factores de resistencia ao cambio e as oportunidades perdidas?”

Por outra banda, ao comparar distintos sectores, períodos e rexións europeas , sinala o investigador da UVigo, é posible distinguir que mecanismos se repiten e cales dependen do contexto local. “A historia non ten porque ofrecer receitas que poidan trasladarse directamente ao presente, pero si permite identificar condicións, riscos e respostas institucionais que axuden a deseñar mellores políticas para a transición verde actual”, explica.

Un socio ‘fiable’ a nivel europeo

O persoal investigador da UVigo incorporouse a Mosaic da man doutra investigadora coa que participaran nun proxecto anterior. “O intenso esforzo levado a cabo pola nosa Área de Transferencia para dar a coñecer as nosas capacidades, permitiunos participar en 13 proxectos  europeos nos últimos nove anos. Isto contribuíu  a xerar unha rede de colaboracións moi importante e nivel europeo, e a consolidarnos coma un socio ‘fiable’. Sen dúbida, neste ecosistema de financiación europea, a experiencia e a confianza xerada son factores diferenciais á hora de acadar novos proxectos”, explica Lucas López.

Tanto en proxectos competitivos europeos, coma estatais, os e as investigadoras que participan no proxecto Mosaic levan traballando na última década nos desafíos que está xerando e xerará a transición ecolóxica, e, en particular, nos desafíos que afronta a industria neste novo contexto.