
O investigador de ECOBAS Fernando Bruna participa nun proxecto seleccionado pola Fundación La Caixa para reducir a desigualdade
A proposta presentada foi levada a cabo por un equipo dirixido polo profesor Fernando Bruna, investigador no grupo C+D da Universidade da Coruña e membro de ECOBAS
Este proxecto foi seleccionado, xunto con outras nove propostas, nunha convocatoria do Observatorio Social de ”la Caixa” que, baixo o nome Un nuevo pacto social para reducir la desigualdad, ten como obxectivo apoiar proxectos de investigación sobre Desigualdade e Pacto Social en España.
A proposta presentada, titulada Intergenerational social mobility and territory in Spain, foi levada a cabo por un equipo dirixido polo profesor Fernando Bruna, investigador no grupo C+D da Universidade da Coruña e membro de ECOBAS. O seu proxecto céntrase en identificar as características da persistencia do status socioeconómico de pais a fillos, con especial atención aos aspectos territoriais. Usando catro fontes estatísticas distintas, os autores estudan aspectos de ocupación, educación e renda, para o conxunto de España, por Comunidades Autónomas e por municipios, así como a relación destes indicadores con outros indicadores de cada territorio.
O proxecto dos profesores do Departamento de Economía da Universidade da Coruña responde ao carácter multidisciplinar que inspira o enfoque da Fundación La Caixa. Fernando Bruna, doutor e licenciado en Economía, graduado en Socioloxía e en Ciencias Políticas, e membro do Grupo Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento Rexional (C+D) e de ECOBAS, é o investigador principal do proxecto. No equipo participa tamén outra investigadora do grupo e da Agrupación, María Alló, doutora e economista medioambiental. Por parte do Grupo Organizacións Sociais, Institucións e Mercados (OSIM), son membros do equipo de traballo os doutores e socioeconomistas Paolo Rungo e Juan Martín Legendre.
Esta convocatoria, dotada cun total máximo de 100.000 euros, busca incentivar o coñecemento en ciencias sociais apoiando investigacións orixinais que permitan avanzar cara un novo pacto social para reducir a desigualdade en España. A súa finalidade principal é apoiar proxectos de investigación cuantitativa que, nun prazo máximo de 6 meses, poidan realizar todo o traxecto dende as hipóteses ata as conclusións, e presentar os resultados da investigación nun informe de divulgación publicable polo Observatorio Social de ”la Caixa”.
Ademais das 10 propostas seleccionadas súmanselle outras 11 que a Fundación encargou directamente sobre temas específicos, de xeito que o proxecto conxunto estará formado por 21 informes, que serán presentados no Foro Social que terá lugar en Barcelona en outono do 2021. O coordinador técnico do proxecto global sobre desigualdade é o profesor Luis Ayala, catedrático de Economía na Universidad Rey Juan Carlos.
Este venres 26 de febreiro terá lugar un encontro entre os equipos dos 10 subproxectos seleccionados na convocatoria competitiva, para poñer en común os primeiros resultados.