03/07/2018

O investigador de ECOBAS, Albino Prada, impartirá un curso na ‘Escola Europea d’Humanitats’

Terá lugar do 16 ó 19 de xullo, dentro da Escola de Verán, e analizará o dispendio realizado por persoas e nacións e o seu impacto sobre o benestar e o desenvolvemento social e ambiental.

Albino Prada, investigador pertencente ó grupo ERENEA, será o encargado de impartir o curso Crecemento Económico e Progreso Social, que se celebrará do 16 ó 19 de xullo na Escola de Verán da Escola Europea d’Humanitats, en Barcelona.

Prada, que publicou recentemente o ensaio El despilfarro de las naciones, ten unha longa traxectoria na investigación da relación entre crecemento e desenvolvemento. Este é o tema central desta actividade formativa, cuxo obxectivo é analizar a influencia do dispendio realizado polas persoas e as nacións sobre o benestar social e ambiental, e o impacto do crecemento da produción material sobre o desenvolvemento social.

O programa do curso está estruturado en catro sesións, que se impartirán nos catro días que dura a actividade: 1) Sobre malgasto, escaseza e límites do crecemento; crecemento sen desenvolvemento e desenvolvemento sen crecemento; 2) Análise do nivel de riqueza e de progreso social a escala mundial; 3) Análise do crecemento e desenvolvemento social nas rexións europeas; 4) Problemas  insolubles, orde  poscapitalista e sociedade decente.