O Índice de Resiliencia Operativa desenvolvido no marco do proxecto TransformAr, modelo para a miticultura da Ría de Arousa
Gañar eficiencia e sostibilidade como vectores para a adaptación do sector do mexilón e o marisqueo ao cambio climático son os obxectivos que prevé cubrir o Índice de Resiliencia Operativa, un novo sistema de monitorización en tempo real que permitirá acadar unha notable mellora na xestión do cultivo e a produción do mexilón na Ría de Arousa. Este modelo de traballo é o resultado da colaboración entre a investigación científica e o propio sector, que vén traballando man a man no marco do proxecto H2020 TransformAr.
O evento de presentación deste índice, ao que acudiu o Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, tivo lugar no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa e contou coa participación de persoal técnico do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e o grupo REDE da Universidade de Vigo, integrado por membros de ECOBAS.
A necesidade de reforzar a captación de datos climáticos e océano-meteorolóxicos mediante o desenvolvemento de sensórica a un custo asequible e de fácil implementación quedou de manifesto nunha xornada na que se destacou tamén a importancia de empregar sistemas tecnolóxicos compartidos para mellorar os fluxos de información dixital ao longo da cadea de suministro.
O proxecto H2020 TransformAr “Impulsando a adaptación transformadora de Europa: solucións innovadoras vinculadas á agua”, é un dos programas emblemáticos da Misión de Adaptación ao Cambio Climático da Comisión Europea, aprobada na convocatoria Green Deal 2020. Conta con 22 socios de 11 países e está a desenvolver seis demostradores, dos que un ten lugar en Galicia, dirixido ao sector do mexilón e o marisqueo a pé baixo a coordinación do Cetmar e coa participación do IIM-CSIC, a Universidade de Vigo e a colaboración de la Fundación Empresa-Universidad Gallega (Feuga).
FOTOS: Xunta de Galicia.