O grupo GEN, coordinador do proxecto de creación da Quiniela Galega
O Grupo GEN, pertencente a ECOBAS, foi o encargado da investigación e o plan de viabilidade dun proxecto da Federación Galega de Fútbol para a creación da Quiniela Galega
A Federación Galega de Fútbol (Futgal) vai poñer en marcha a Quiniela Galega, un proxecto que consiste no lanzamento dunha aposta semanal sobre partidos de Terceira, de Primeira feminina e de Rexional e que ten coma obxectivo xerar recursos para o fútbol galego e potenciar a imaxe de marca e posicionamento dos clubes federados.
Para levalo a cabo, a Futgal contou coa participación do Grupo GEN baixo a coordinación do seu subdirector Patricio Sánchez e un dos maiores expertos en economía deportiva, Ángel Barajas. Estes investigadores, integrantes de ECOBAS, encargáronse do traballo de investigación e o plan de viabilidade, para o cal contaron cun equipo mixto integrado por economistas e expertos en lexislación tanto da Universidade de Vigo coma de entidades privadas.
O estudo de viabilidade incluíu unha análise lexislativa nos países con maior tradición de apostas coma son España, Italia, Reino Unido, Alemaña e Francia, e un informe técnico cunha serie de propostas para o desenvolvemento do proxecto en Galicia. Os resultados conclúen que o proxecto da Quiniela Galega, que combinará apostas online con boleto físico, poderá xerar entre 2,4 e 10,2 millóns de euros dependendo do prezo do boleto e a súa implantación e éxito no mercado.