
O éxito do Pont Up Store segue en aumento trala celebración da súa carta edición
A cita reuniu entre o xoves e o sábado as mellores propostas de emprendemento do panorama galego.
Onte finalizou a carta edición do Pont Up Store, un evento que xa está recoñecido coma unha das citas máis importantes no emprendemento en Galicia.
Das 120 solicitudes recibidas pola organización, só 40 puideron ser seleccionadas para participar, abranguendo iso si sectores moi diferentes: dende a artesanía ata as novas tecnoloxías, pasando polo sector gastronómico. Durante tres días os emprendedores responsables das distintas propostas tiveron ocasión de presentarllas ó público e, no caso dos seleccionados para o Puntazo Express, ós responsables de importantes organizacións xa consolidadas do panorama galego, coma Martín Códax, La Pepita Burguer Bar ou Igalia.
No acto oficial de inauguración que tivo lugar o venres, o director do evento, Pedro Figueroa, agradeceu ós patrocinadores e colaboradores, entre os que se atopa ECOBAS, o apoio e confianza outorgados á iniciativa. Trala finalización desta carta edición e o éxito acadado un ano máis, a vista está posta xa na cita do 2018.