O coordinador de ECOBAS, Carlos Hervés, invitado polo Club Faro para impartir unha conferencia
O catedrático da Universidade de Vigo impartiu unha conferencia o pasado 5 de novembro sobre a investigación nas áreas de economía e de empresa da universidade galega
O catedrático da Universidade de Vigo e coordinador de ECOBAS, Carlos Hervés, foi invitado a impartir unha conferencia no Club Faro o pasado 5 de outubro.
A Profesora Emma Moreno, catedrática de Economía da Universidade de Salamanca, foi a encargada de facer a presentación do Profesor Hervés, quen disertou sobre “A investigación nas áreas de economía e empresa na Universidade de Vigo”.
O conferenciante salientou a importancia dunha organización coma ECOBAS, que agrupa a moitos dos mellores investigadores galegos neste ámbito científico. Ademais, dedicou parte da conferencia a percorrer a historia da investigación na cidade de Vigo, remontándose ao período previo ao nacemento da súa Universidade, e a resaltar a importancia da investigación. Tamén quixo subliñar as características que ha de ter un bo investigador, fundamentadas na capacidade para facerse as preguntas axeitadas e obter respostas rigorosas ben documentadas.
Outro dos temas que puxo de relevancia o Profesor Hervés, e que espertou gran interese entre os asistentes, foi o da relación da Universidade coa sociedade, coas administracións públicas e coas empresas privadas. Para Hervés, é importante apostar por unha maior interacción entre todas elas, xa que na sociedade actual non se coñece suficientemente o traballo e as capacidades do profesorado universitario. Por iso salientou que é moi importante fomentar as accións de difusión que permitan que se dea a coñecer o traballo dos investigadores para que “a xente saiba que poden preguntarnos” e que se vexa a investigación como algo máis útil e achegado.
Máis información nos seguintes enlaces:
Faro de Vigo – Un recorrido por los principios de un proyecto
Faro de Vigo – Hervés: “Un investigador debe aceptar críticas pero tener conocimientos para discutirlas”