O Consello de Goberno da UVigo aproba a creación do Centro de Investigación Interuniversitario ECOBAS
Na súa nova etapa o Centro Interuniversitario conta xa con 16 garantes, investigadoras e investigadores de recoñecido prestixio pertencentes ás tres universidades galegas
Na súa nova etapa o Centro Interuniversitario conta xa con 16 garantes, investigadoras e investigadores de recoñecido prestixio pertencentes ás tres universidades galegas
A Agrupación Estratéxica ECOBAS (Economics and Business Administration for Society), creada no ano 2015, inicia unha nova etapa co obxectivo de obter o recoñecemento coma Centro de Investigación Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (SUG) nos vindeiros meses. Este proceso tense iniciado oficialmente coa aprobación do Centro por parte do Consello de Goberno da Universidade de Vigo na súa sesión ordinaria celebrada este pasado venres 14 de maio.
O Centro Interuniversitario ECOBAS nace co firme propósito de se converter nun referente no eido das ciencias sociais, máis concretamente no referido á sustentabilidade ambiental, social e económica. A principal novidade é que deixará de ser unha unión de grupos de investigación ao mudar a un sistema de adscrición individual, no que aquelas investigadoras e investigadores das universidades galegas que queiran formar parte deste novo proxecto poderán achegar as súas solicitudes, unha vez se teña aberto o período de adscrición, e as candidaturas serán avaliadas por un comité externo.
Polo de agora ECOBAS conta xa con 16 membros, os garantes do Centro, investigadoras e investigadores de recoñecido prestixio pertencentes ás tres universidades do SUG: Adina Dumitru, Emma M. Iglesias, Jesús López, Marta Rey e José Manuel Sánchez pola UDC; Manel Antelo, María L. Loureiro e Juan Carlos Reboredo pola USC; e José María Da Rocha, Coral del Río, Mª Dolores Garza, Carlos Hervés, Xavier Labandeira, Santiago Lago, Mario Pansera e José H. Vázquez pola UVigo.
Esta transformación traducirase nunha nova forma de traballar co establecemento dunha ambiciosa axenda científica e a posta en marcha de actividades orientadas a acadar obxectivos coma a captación e retención de talento investigador de excelencia, o aumento do financiamento (especialmente do procedente de fondos europeos), a potenciación da internacionalización, a mellora dos programas formativos de posgrao, ou o fomento das relacións co tecido empresarial e as administracións na busca de solucións conxuntas ós principais problemas e necesidades da sociedade.