14/02/2018

O Catedrático de ECOBAS, Xavier Labandeira, participará no próximo informe da ONU sobre cambio climático

Será un dos revisores editores do Sexto Informe de Avaliación sobre o cambio climático elaborado polo IPCC (Intergovernmental Panel on Climate Change).

O investigador do Grupo REDE e director de Economics for Energy, Xavier Labandeira, será un dos expertos internacionais que participarán no próximo informe sobre cambio climático da ONU. Este traballo está elaborado polo IPCC (Intergovernmental Panel on Climate Change), unha organización creada en 1988 dedicada a proporcionar unha base científica sobre cambio climático que serva de axuda ós gobernos á hora desenvolver políticas e tomar decisións.

Labandeira repite experiencia neste ámbito, xa que foi un dos autores líder do Quinto Informe de Avaliación elaborado por esta organización e completado en abril de 2014. Nesta ocasión participará como revisor editor, e a súa colaboración centrarase no capítulo dedicado á análise das políticas climáticas nacionais e subnacionais, sendo un dos encargados de garantir que o proceso se desenvolva de forma axeitada e que o produto final se corresponda co coñecemento académico existente.

A experiencia deste catedrático da Universidade de Vigo na investigación sobre o cambio climático é recoñecida tamén polo goberno autonómico, e onte foi convocado a unha reunión co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e coa Conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, co obxectivo de avaliar o potencial de Galicia para postularse como líder nacional no que se refire ao coñecemento sobre esta temática.