18/06/24

O catedrático da UVIGO e investigador de ECOBAS Xosé H. Vázquez, novo presidente de ACEDE

O académico galego exercerá durante os dous vindeiros anos a máxima representación desta asociación de referencia nacional no eido da Economía da Empresa.

O catedrático da Universidade de Vigo e investigador garante de ECOBAS, Xosé H. Vázquez, foi elixido na tarde de hoxe novo presidente da Asociación Científica de Economía e Dirección da Empresa, ACEDE, na votación da asamblea de socios que tivo lugar en Valencia no marco do XXXIII Congreso Internacional da entidade. Vázquez asume a máxima representación institucional de ACEDE para os dous vindeiros anos, relevando no cargo á catedrática Carmen Cabello Medina, da Universitad Pablo de Olavide en Sevilla.

Tamén coñecida como ‘Spanish Academy of Management’ no mundo académico internacional, ACEDE conta cunha base asociativa de 800 membros distribuídos fundamentalmente en todo o territorio nacional, o que a sitúa como a entidade de referencia en España na investigación científica e no avance do coñecemento para a dirección e a administración de empresas. “É unha honra que os compañeiros te propoñan tomar a representación dunha entidade co prestixio académico de ACEDE, na que moitas persoas levan traballando arreo durante máis de tres décadas para asegurar o desenvolvemento de todas as áreas que afectan á dirección de empresas”, afirmou Vázquez.

Como sociedade científica, ACEDE busca fomentar o progreso e a difusión do coñecemento no campo específico que abrangue dende a estratexia ás operacións, o marketing, as finanzas, a empresa familiar,  a dirección internacional ou a xestión de recursos humanos. Toda a actividade da asociación se orienta cara a promoción da investigación, o desenvolvemento profesional, o establecemento e estímulo de estándares éticos e profesionais, o apoio a xóvenes académicos ou a divulgación do coñecemento xerado á administración, o entramado empresarial e a sociedade civil.

Para o período que agora comeza, o novo presidente centrará os esforzos en “potenciar a presencia de ACEDE nos principais foros internacionais de economía e empresa, intensificar as relacións co sector empresarial e outras institución públicas, e dar un novo pulo aos investigadores máis novos, asegurando que o seu esforzo se enfoque con valores profesionais e éticos esixentes”.

Para Vázquez, todo o labor de ACEDE parte da esixencia da “calidade da investigación científica que aportamos no noso ámbito de especialización pero, aínda máis aló, na capacidade que temos para transferir este coñecemento ás persoas que acceden aos postos de dirección nas empresas e nas organizacións, de hoxe e do mañá”. O bo desenvolvemento do tecido empresarial, a creación de benestar e riqueza sobre pilares inclusivos e respetuosos co medio ambiente “dependen en boa medida das decisións que cada día toma o persoal directivo nos despachos, e nós temos unha responsabilidade importante para garantir que a súa formación e a súa actuación cotiá sexa rigorosa e coherente. Nunca foi tan importante facer as cousas correctas correctamente”, apuntou.

Doutorado Europeo en Organización de Empresas, Xosé H. Vázquez posúe unha ampla experiencia docente e investigadora. Como membro garante de ECOBAS, plenamente aliñado coa axenda científica do Centro de Investigación Interuniversitario, declárase “comprometido na procura de respostas para que as organizacións encaren con éxito os grandes retos globais”. O seu enfoque e nivel de excelencia víronse recoñecidos en publicacións de máximo prestixio mundial como Harvard Business Review, Journal of Operations Management, Organization Science ou Research Policy.

Enfocado na intersección entre a estratexia empresarial, a excelencia operacional e as finanzas, o profesor Vázquez atesoura ademais un amplo rexistro de colaboracións con centros tecnolóxicos, institucións públicas, e empresas tais como o Banco Interamericano de Desarrollo, o Consorcio de la Zona Franca de Vigo, a Xunta de Galicia, Syngenta, Stellantis, Pescanova ou Tecnalia.