04/09/2023

Os retos que nos traen os novos “modelos bioeconómicos”

Cales son os retos inmediatos aos que nos enfrontamos no proceso de transición enerxética e na loita contra o cambio climático, e que debemos encarar de maneira global?

Preto dun centenar de expertos, persoal investigador procedente de países coma Noruega, Estados Unidos, Israel, Francia, Alemaña, Italia, China, Xapón, India, Reino Unido e España, debateron e destacaron en Santiago de Compostela a importancia e a necesidade de adoptar medidas urxentes en materia de protección ambiental aplicando a perspectiva da bioeconomía. Así, entre as conclusións da XXIV Conferencia Mundial BIOECON, celebrada na capital galega os pasados 31 de agosto e 1 de setembro, a comunidade científica salientou a necesidade de recuperar a bioloxía como disciplina de referencia para comprender e manter o equilibrio na natureza realizando unha explotación racional dos recursos que nos ofrece.

Abordar a restauración de servizos ecosistémicos que están a ser devastados por causas coma os incendios forestais ou a deforestación dos bosques e aplicar de forma urxente medidas de prevención e adaptación ao cambio climático, non só polo impacto global na produción de bens e servizos (sector agrario, pesquerías, turismo…) senón tamén polos seus efectos sobre a saúde da poboación, son outras das cuestións que os expertos consideran fundamentais neste proceso.

Por outra banda, a xestión dos recursos hídricos se sitúa como aspecto central da estratexia que deberán ter en conta as políticas públicas na súa orientación cara á sustentabilidade económica, social e ambiental.

A catedrática da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela e directora científica de ECOBAS, Maria Loureiro, explicou o traballo realizado no simposio internacional nesta entrevista do programa Bos días da Televisión de Galicia:

Clica aquí para ver a entrevista.

 

Relatores de prestixio mundial

A XXIV Edición da BIOECON contou, entre outros moitos expertos, coa participación de dous relatores de referencia internacional no eido da xestión dos recursos forestais e dos recursos mariños:

  • A profesora Erin Sills, da Universidade de Carolina do Norte, quen compartiu a súa visión da xestión forestal e a crecente deforestación nalgúns países do mundo e os resultados de distintas políticas levadas a cabo a nivel mundial para evitar e reducir a deforestación.
  • O profesor Rashid Sumaila, da Universidade British Columbia, quen abordou a necesidade imperativa de introducir criterios de sustentabilidade na xestión dos océanos.