02/02/2021

Mario Pansera chega a ECOBAS para desenvolver unha axenda de investigación orixinal e alternativa

O investigador, que conseguiu recentemente unha axuda Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), incorporase á Agrupación esta semana para levar a cabo a súa investigación na Universidade de Vigo durante cinco anos.

O investigador Mario Pansera incorpórase á Agrupación Estratéxica esta semana para levar a cabo a súa investigación na Universidade de Vigo durante cinco anos. Pansera conseguiu recentemente unha axuda Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC).  

Existen moitas probabilidades de que a súa estancia se alongue
 

Ata o momento, Pansera estivo traballando como lector cun contrato Serra Hunter na Universidade Autónoma de Barcelona, e non vai deixar completamente a súa función. “Estamos en trámites para que se firme un convenio entre as dúas universidades para que poda seguir colaborando coa UAB como investigador vinculado. A miña investigación na UAB foi unha continuación do traballo feito en Bristol e durante o ano pasado conseguín publicar o meu traballo sobre innovación responsable na revista Research Policy, e a miña investigación sobre post-crecemento na revista Organization. A verdade é que a UAB ten moitos recursos e moita xente moi interesante, pero case seguro que quedarei en Galicia despois do proxecto ERC. Entre outras cousas porque o acordo coa UVigo inclúe unha praza de titular”, aclara o doutor.  

Ideas novas e frescas
 

Mario Pansera considera que a UVigo segue sendo bastante tradicional no que concirne á ensinanza de materias como economía e organización de empresas. Sen embargo, nos últimos meses atopou moitos investigadores, sobre todo xente nova, con ganas de explorar novos camiños, novas ideas. “Xa colaboro activamente co grupo REDE e co grupo GEN, aínda que habería que dicir que quizás o grupo que máis se acerca ó tipo de investigación que levo a cabo é o grupo de Economía Ecolóxica (GIIEAH) con quen me gustaría colaborar no futuro. Ademais, tamén teño moi bos contactos coa Agrupación CRETUS, na Universidade de Santiago de Compostela, e colaboro co campus de sustentabilidade da Universidade da Coruña onde a excelente Adina Dumitru está facendo un traballo espectacular”, puntúa o investigador.  

Nos próximos meses publicaranse diferentes convocatorias para contratar un Project manager, catro doutorandos e dous posdocs
 

Dentro do proxecto, que se iniciou oficialmente o 1 de febreiro, traballarase en diferentes liñas de investigación. “Probablemente haberá un par de estudantes de doutoramento que se encarguen de analizar os aspectos máis micro de organizacións post-crecemento: as súas características, os obstáculos que atopan e as políticas que poden axudalas a sobrevivir. Outra liña de investigación ocuparase de redes e cadeas de abastecemento de organizacións alternativas. Por último, estudarase o papel das institucións científicas (universidades, centros de investigación, etc.) na reprodución do discurso e da ideoloxía do crecemento. A ambición é desenvolver un discurso alternativo que sexa capaz de desintoxicar, por así dicilo, ás institucións científicas desta obsesión co crecemento infinito”, aclara o doutor Pansera.
   

Pansera acaba de conseguir un proxecto H2020 de 3.6M de euros
 

“É un proxecto sobre economía circular que vou coordinar dende a UVigo. O proxecto titulase “A just transition to Circular Economy (JUST2CE)” e involucra 13 beneficiarios, entre os que se atopan universidades europeas e africanas. O estudo ten como obxectivo desenvolver un marco conceptual alternativo á formulación actual da Economía Circular como a expón a UE. Actualmente, a CE parece máis un sofisticado mecanismo do Green Washing. Cambiar a linguaxe, as maneiras de chamar ás cousas sen cambiar o modelo destrutor e insostible que impón a economía do mercado capitalista. O que queremos demostrar no proxecto é que para que unha economía sexa sostible ten que ser antes de todo xusta. A ironía é que un proxecto tan crítico coa formulación da UE sexa financiado xustamente pola mesma institución. O proxecto inclúe traballo de investigación en moitos países. ¡Todo un reto na situación actual!”, afirma o doutor Pansera.
 

“A tecnoloxía ten o poder de cambiar as relación sociais”
 

A maioría dos traballos do profesor Pansera tratan o tema da democratización da innovación. Ademais, traballa como editor da revista Journal of Responsible Innovation liderada por Erik Fisher da Arizona State University, institución coa que colabora dende o 2015. “Eu son enxeñeiro de teleco e sempre me interesou a relación entre a tecnoloxía e a sociedade. Sen embargo, creo que o momento que me levou a profundar neste campo foi cando traballei en Bolivia. Estiven case dous anos intentando convencer a indíxenas Quechuas e Aymaras a instalar paneis fotovoltaicos nas súas comunidades. O proxecto non foi un fracaso total, pero tampouco revolucionou a vida desta xente. En moitos casos, ademais, a tecnoloxía quedaba abandonada porque a xente tiña outras prioridades. Esta experiencia fíxome pensar moito sobre o rol da tecnoloxía como ferramenta política. Nós, sobre todo os científicos e enxeñeiros, pensamos que a tecnoloxía é neutral, apolítica, obxectiva. Pero non é así. A tecnoloxía ten o poder de cambiar as relación sociais en positivo, pero tamén ten consecuencias moi negativas, incluso pode substituír maneiras de vivir sostibles con novas formas de organizacións sociais destrutivas e inxustas. Un exemplo son os primeiros algoritmos de intelixencia artificial de recoñecemento facial do coche sen condutor de Google, que non eran capaces de recoñecer a persoas negras. Houbo varios accidentes nos primeiros test. ¡Isto sucedeu porque os que desenvolveron a tecnoloxía eran todos brancos e non se lles ocorreu adestrar ós algoritmos con fotos de xente non-branca! As tecnoloxías conteñen nos seus deseños os valores e as visións do mundo dos seus creadores. Isto non se ensina nas escolas de enxeñería e é un problema. Estamos creando xeracións de técnicos e enxeñeiros que non están preparados para enfrontarse ós dilemas éticos que presentan moitas das tecnoloxías modernas”.
 

“O meu obxectivo é crear un grupo de persoas abertas e creativas. Polo menos espero ter un mínimo de impacto no panorama galego e que se comece a falar destes temas. O que si me gustaría de verdade sería que ó final do proxecto, en cinco anos, haxa unha materia obrigatoria en todos os cursos de tecnoloxía, ciencia e enxeñería sobre ética da ciencia e tecnoloxía e innovación responsable. Non hai ningunha universidade española que teña feito algo así. ¡Sei que é u tarefa difícil, pero hai que intentalo!”, conclúe o doutor Pansera.