
María Loureiro recibirá a distinción “Mulleres de Compostela” en recoñecemento á súa traxectoria persoal e profesional
A directora científica de ECOBAS, María Loureiro, é unha das dez mulleres integrantes da lista aprobada polo Consello Asesor de Condecoracións do Concello de Santiago, elixidas polo conxunto da Corporación municipal, que serán galardoadas co premio ‘Mulleres de Compostela 2026’.
Con esta distinción, o Concello de Santiago recoñece a traxectoria persoal e profesional de mulleres naturais de Compostela ou que viven e desenvolven as súas tarefas profesionais na cidade, que no caso de María Loureiro queda reflectido no seu traballo de investigación “en temas vitais para Galicia como a economía ambiental e os recursos naturais, a análise socioeconómica dos incendios forestais e estudos sobre enerxía e economía agrícola”, segundo sinala o comunicado oficial. Calificada como “unha das economistas galegas máis influentes”, o Concello salienta particularmente o valor do seu “compromiso co desenvolvemento sostible”.
Catedrática de Fundamentos de Análise Económica na USC, académica numeraria da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), premio María Josefa Wonenburger 2024 e premio SERenidade 2025, María Loureiro recibirá este novo recoñecemento nunha gala que terá lugar en Compostela o vindeiro 9 de marzo co gallo da celebración do Día Internacional das Mulleres (8M).
Ademais de María Loureiro, serán distinguidas nesta cerimonia outras destacadas figuras polos seus méritos en moi diversos eidos da vida artística, cultural, profesional e social: ‘As Fillas Bravas de Momán’ (as actrices Patricia de Lorenzo González, Mónica García Pérez e Arantza González Villar), a foniatra Clotilde Rodríguez Martul, a divulgadora Merche Espiño, a comerciante Luisa Ríos, a inspectora principal de Policía Local Diana Parente, a avogada Isabel Castillo e a directora de Cáritas Diocesana de Santiago Pilar Farjas.